O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, instou hoxe ao presidente da Xunta a presentarse diante do encontro convocado polo seu partido para defender “de forma nítida” os intereses de Galicia en relación co financiamento autonómico. Reivindicou neste sentido un “tratamento igualitario na quita da débeda” e rematar cos privilexios das autonomías incumpridoras.
O responsable socialista criticou que o presidente do goberno teña escollido un encontro “de partido” en lugar dunha Conferencia de Presidentes Autonómicos para afrontar un debate que xa acumula un adiamento de 4 anos. En calquera caso, sinalou cinco puntos irrenunciables para Galicia que deben dirixir o debate a un tratamento igualitario de todas as comunidades autónomas.
Reclamou neste sentido un tratamento igualitario dos distintos actores en canto á débeda. Sinalou que “se non hai quita non a hai” para ninguén, pero no caso de abrirse esta posibilidade, esta debe ser en condicións equitativas, o cal resulta “tecnicamente posible”, sinaladamente nun contexto no que todas superan o límite do 13 por cento de límite establecido.
Polo tanto todas as comunidades autónomas deberan acceder á quita do 13 por cento, “e a partir de aí, a débeda restante debe estar progresivamente vencellada ao mercado e menos ao financiamento brando aplicado pola administración central”. Isto permitiría que Galicia pasara dunha débeda de 12.000 millóns a apenas 5.000, e todas as comunidades autónomas se verían aliviadas dunha presión excesiva.
O portavoz socialista urxiu a resolver as desigualdades que provocan os mecanismos extraordinarios de financiamento, beneficiando ás que demostraron un menor rigor financeiro, para pasar a un modelo “normal” en base aos mecanismos de mercado. Estas “diferenzas notables” supoñen que algunhas autonomías están sendo beneficiadas por 150 euros por habitante e ano, mentres Galicia só recibe 3.
Solución inmediata
Os socialistas galegos reclamaron ademais unha solución “inmediata” a un problema que debera terse resolto en 2014, e que o propio Montoro apuntara a unha proposta da Comisión de Expertos a finais de 2017. Sinalou que a resposta debe ser “rápida” e con vixencia a xaneiro de 2018, máxime cando ao non haber eleccións previstas durante este ano ábrese un “espazo de oportunidade”.
Reclamou tamén unha resposta ao “desequilibro vertical” entre as comunidades autónomas e o Estado, xa que son aquelas as que prestan os servizos máis custosos e a Administración central a que administra a maior parte dos recursos. Apuntou ao informe da Comisión de Expertos que apuntaba a un financiamento adicional de 16.000 millóns que permitiría ás autonomías comezar a reequilibrar a súa situación financeira.
Apuntou que despois de que Rajoy fixera posible unha importante cesión de recursos ao País Vasco “a cambio dun puñado de votos”, debe ser viable tamén unha solución semellante no conxunto das comunidades autónomas.
Finalmente, Fernández Leiceaga apuntou tamén que as necesidades de gasto deben ser tidas en conta para unha solución igualitaria, incorporando o elevado custe do avellentamento e a dispersión poboacional.