O portavoz de Infraestruturas do Grupo Socialista, Luis Álvarez, defendeu hoxe no Congreso a transferencia da AP-9 a Galicia para acadar “un maior control” sobre a concesionaria e afrontar a “situación insostible” das peaxes. Así o dixo na presentación en Madrid da proposición de Lei do Parlamento para reclamar a transferencia a Galicia, debatida hoxe logo de que o goberno de Pedro Sánchez levantara o veto imposto por Rajoy.
O responsable socialista reclamou que a demanda unánime do Parlamento de Galicia, que tivo que debater e aprobar por tres veces esta petición, sexa “tida en conta e respectada” na Cámara alta por canto a xestión das peaxes rexistrada nos últimos tempos “modúlase con criterios non sempre estritamente técnicos”. Sinalou a convivencia de “solucións distintas a situacións semellantes no territorio”, provocando unha situación difícil.
Apelou ao “diálogo, o entendemento, a cooperación e a lealdade constitucional” para lograr unha transferencia que axude a “reforzar o autogoberno galego que tanto tempo leva estancado e poder exercer así un maior control sobre a concesionaria desta infraestrutura”. Explicou que a vía conecta ao 75 por cento da poboación galega e constitúe o “eixo vertebrador” da fachada atlántica, e apelou así á subsidiariedade para acadar a xestión da autoestrada.
Tamén chamou a “acabar cunha situación que a cidadanía galega sinte como inxusta”, xa que en relación coa superficie e poboación, Galicia ten o dobre de quilómetros de autoestradas con peaxe do total nacional. Comparou ademais a transferencia coas decisións toimadas coa A-17 e a A-19 en Cataluña, ou a A-8 e a recente transferencia de seis quilómetros da AP-1 en Euskadi.
Demanda histórica
O responsable socialista lembrou que a situación da autoestrada remóntase á privatización e ampliación da concesión ata o ano 2048, que asinou o goberno de Aznar con Castos como ministro de Fomento cando Feijóo era conselleiro de Obras Públicas. A continuación foi o goberno de Emilio Pérez Touriño quen incluíu a transferencia no paquete de demandas que plantexaron en 2005 e que foi esquecido dende a chegada de Feijóo ao goberno en 2009.
A partir de aí a petición tivo que ser debatida e aprobada no Parlamento de Galicia ata en tres ocasións, e que levaba dous anos bloqueada na Mesa do Congreso, cun veto do PP “inexplicable” por canto a tiñan aprobado en Galicia pero impedían o seu debate en Madrid.
Un veto, dixo, imposto coa complicidade da presidencia do Congreso que “carecía de fundamento xurídico, resultaba improcedente e parecía máis unha manobra de filibusterismo parlamentario”. Engadiu que “hoxe sabemos que o Tribunal Constitucional di que esa actuación do Goberno era improcedente e que se estaba extralimitando nas súas competencias”.
Apoio do Grupo Socialista
O deputado socialista Guillermo Meijón trasladou hoxe o apoio do Grupo Socialista á toma en consideración desta proposición de Lei “en relación coa sostibilidade, o mantemento e a mellora da rede viaria”, un debate que, dixo, quere promover o goberno para superar o actual modelo “inconsistente”. Apoiou a transferencia a Galicia desta infraestrutura porque “preocupa dende o obxectivo da mobilidade das persoas” dende a “xustiza, o equilibro e a sostibilidade”.
O deputado galego sinalou que o propio Parlamento enviou a proposta en tres ocasións, e avogou por comezar co debate con este primeiro texto para “evitar unha dilación excesiva” no debate. Explicou que a tramitación coincide co debate do futuro modelo viario de España, iniciado con vocación de “superar a política de pactos conxunturais sen sentido” e para acadar un “modelo de mobilidade social e territorialmente equilibrado e financeira e ambientalmente sostible”.