O portavoz da Executiva sinalou que se pode escoller “entre ser oposición ou ser alternativa. Nós escollemos ser alternativa. A ALTERNATIVA”
Torrado valorou que o PSdeG sae do XV Congreso Nacional cun proxecto sólido, unha dirección renovada e unha folla de ruta clara para liderar o cambio en Galicia
O Partido dos Socialistas de Galicia celebrou esta fin de semana en Santiago de Compostela o seu XV Congreso Nacional, un evento que serviu como punto de inflexión para a formación e que confirma a súa vontade de ser a alternativa real ao actual goberno galego. O portavoz da Executiva, Julio Torrado, sinalou hoxe en rolda de prensa a súa satisfacción polos resultados do congreso, destacando a unidade, a renovación xeracional e a aprobación dun marco político ambicioso e necesario para a transformación de Galicia “porque somos a esquerda que pode, a única esquerda de Galicia”.
“Pódese escoller entre ser oposición ou ser alternativa. Nós escollemos ser alternativa. A ALTERNATIVA.” Con estas palabras, fixo fincapé na determinación do PSdeG para liderar unha Galicia que avanza, solidaria, que aposta polas enerxías limpas, que defende a sanidade pública e que traballa pola cohesión territorial con proxectos concretos como a transferencia da AP-53. “Cando o Partido Socialista está forte, Galicia é máis forte. Cando o Partido Socialista non está forte, Galicia é máis feble”, subliñou.
No seu balance do Congreso, Torrado puxo en valor o traballo realizado durante meses para chegar a acordos que permiten consolidar un proxecto de futuro, froito do diálogo e da participación de especialistas de distintos sectores. Ademais, resaltou o forte respaldo á nova dirección encabezada por José Ramón Gómez Besteiro, “un equipo renovado, con experiencia e con frescura, que está preparado para liderar o cambio en Galicia”.
Sobre os comentarios do Partido Popular respecto ao Congreso do PSdeG, Torrado ironizou coa actitude do PP, asegurando que pelexan por ver quen di a maior barbaridade e teñen difícil a competición: “Gústanos que o PSdeG sexa o eixo do debate político en Galicia”. E engadiu: “Vimos como o PP dedicou a súa fin de semana a valorar o noso Congreso, porque cando un partido pequeno non ten capacidade de debater internamente, dedícase a comentar o que fan os demais”.
Finalmente, o socialista indicou que o PSdeG xa está a traballar para facer realidade os compromisos adquiridos no Congreso, cunha axenda clara e unha estratexia definida para fortalecer a presenza da formación no territorio e nas institucións. “Temos tempo por diante para consolidar un proxecto solvente e gañador, especialmente de cara ás eleccións municipais de 2027, nas que aspiramos a reforzar a nosa posición como o partido municipalista de referencia en Galicia”, concluíu Torrado.
Torrado referiuse ademais ao nomeamento de Lara Méndez como secretaria de organización do PSdeG, destacando a súa capacidade política, a súa traxectoria e a confianza que transmite dentro do partido. “Lara Méndez é unha política de gran valía, cunha traxectoria solvente e unha capacidade de xestión contrastada, como demostrou ao fronte da alcaldía de Lugo. A súa incorporación á nova dirección supón un reforzo importante para o proxecto do PSdeG”, sinalou.