O portavoz da Executiva anima a todos os galegos e galegas a participar na manifestación que terá lugar mañá na Pobra onde o PSdeG acude coas Xuventudes Socialistas
Acusou ao PP de promover “un modelo de desenvolvemento escuro, opaco, e ao servizo de intereses privados”, e lembrou que “Rueda cambiou sobre a marcha a finalidade do proxecto”
O PSdeG e as Xuventudes Socialistas participarán activamente na gran mobilización convocada este sábado na Pobra do Caramiñal para mostrar o seu rexeitamento ao proxecto de Altri. A presenza socialista nesta protesta quere deixar claro que Galicia merece un modelo industrial moderno, transparente e sustentable, e non unha operación chea de interrogantes, falta de garantías e maquillaxe política por parte do Partido Popular.
O portavoz da Executiva Nacional do PSdeG, Julio Torrado, explicou que “os e as socialistas galegas estaremos mañá na Pobra, en protesta contra a gran mentira do proxecto de Altri”, e lanzou unha mensaxe directa á cidadanía: “Queremos convidar a galegos e galegas a que participen nesta mobilización, porque está en xogo o futuro do noso territorio e o respecto que merece a nosa xente”.
Desde o PSdeG insisten en que Altri representa xusto o contrario do que debe ser un proxecto industrial sólido: “Falla nas tres patas básicas que debe cumprir calquera iniciativa seria: non é sostible ambientalmente, non ten unha viabilidade económica contrastada, e tampouco garante un impacto social positivo no territorio”, apuntou Torrado.
O socialista acusou ao PP de promover “un modelo de desenvolvemento escuro, opaco, e ao servizo de intereses privados”, e lembrou que “Rueda está cambiando sobre a marcha a finalidade do proxecto, alterando os compromisos iniciais e agochando os seus efectos reais”. “O único que parece claro neste momento”, dixo, “é que buscan unha enorme financiación pública a fondo perdido para unha proposta que Galicia nin pediu nin necesita”.
Torrado denunciou que “o Partido Popular está tentando armar unha gran mentira política e industrial arredor de Altri, disfrazándoa de oportunidade cando é, en realidade, un risco ambiental, un burato económico e unha falta de respecto á sociedade galega”.
Fronte a isto, dixo, o PSdeG reafirma o seu compromiso cun modelo produtivo que sume valor, non que reste: “Seguiremos traballando de maneira verdadeiramente útil e rigorosa, fronte aos intereses escuros e ao ‘entreguismo’ que representa a Xunta de Galicia neste asunto”.
Finalmente, asegurou que esta non é unha loita puntual, senón unha defensa constante do país: “Dicimos non á mentira de Altri e non á mentira de Rueda. Galicia merece máis que propaganda industrial sen garantías. Galicia merece futuro real, non fume”.