O portavoz da Executiva do PSdeG denuncia o voto en contra do PP ao Decreto Ómnibus “porque é un ataque directo ás familias galegas, á clase traballadora e ás persoas máis vulnerables”
Torrado dirixiuse directamente ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda: “Onde está Rueda?, como pode gardar silencio mentres Galicia perde 700 millóns de euros? Que tamaño de vergoña é necesario para agocharse neste momento crítico?”
“Non teñen vergoña porque non teñen necesidades”, afirmou o portavoz da Executiva do PSdeG, Julio Torrado, nunha rolda de prensa en Santiago para valorar o rexeitamento do Partido Popular ao Decreto Ómnibus o mércores no Congreso dos Deputados. Torrado acusou a Alberto Núñez Feijóo e aos seus dirixentes de desprezo absoluto polas necesidades da Galicia real, ao tempo que lles reprochou estar completamente desconectados da realidade que afecta a milleiros de familias galegas.
O portavoz destacou que a votación en contra do PP terá consecuencias graves e directas para a cidadanía: os pensionistas galegos, que xa teñen as pensións máis baixas do Estado, perderán 35 euros ao mes, o que supón 441 euros menos ao ano. Ademais, as persoas máis novas, especialmente os estudantes e traballadores, veranse gravemente prexudicadas pola eliminación dos abonos de transporte gratuítos.
Por exemplo, un estudante que viaxe regularmente de Santiago a Ourense terá que asumir un custo adicional de 400 euros ao mes, mentres que o traxecto A Coruña-Vigo suporá un gasto engadido de 350 euros mensuais. Mesmo os desprazamentos curtos, como Vilagarcía-Santiago, encareceranse en máis de 200 euros ao mes, un golpe inasumible para moitas familias.
Ademais, a supresión destas medidas implica que miles de fogares perderán o apoio do Ingreso Mínimo Vital, cun recorte estimado de 500 euros ao ano. Este rexeitamento inclúe tamén o abandono das medidas de protección contra os desafiuzamentos, deixando a moitas familias vulnerables expostas a perder os seus fogares. Por se fose pouco, o veto do PP ao Decreto significa que Galicia perderá 700 millóns de euros en financiamento estatal para servizos públicos esenciais.
Onde está Rueda?
Torrado dirixiuse directamente ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda: “Onde está Rueda? Como pode gardar silencio mentres Galicia perde 700 millóns de euros? Que tamaño de vergoña é necesario para agocharse neste momento crítico?”. O portavoz socialista destacou a incoherencia do PP galego, que no pasado clamou contra calquera suposto “agravio” a Galicia, pero agora cala ante unha decisión que prexudica directamente aos galegos e galegas.
“Non teñen vergoña porque non coñecen as necesidades. Mentres a cidadanía galega sofre, os dirixentes do PP viven alleos a estas realidades. Non necesitan pensións públicas porque teñen privadas, non usan abonos de transporte porque van en coches oficiais, e os seus fillos non dependen de vivendas ou axudas públicas porque xa teñen garantidas solucións privadas”, sentenciou Torrado.
O PSdeG quere trasladar unha mensaxe clara aos votantes do Partido Popular, especialmente a aqueles que non comprenden nin comparten as decisións dos seus líderes: “Esixide explicacións. A cidadanía galega merece unha resposta ante este ataque directo aos seus dereitos e ao seu futuro”.
Torrado concluíu subliñando que o PSdeG seguirá traballando para defender os intereses da cidadanía galega, porque “Feijóo e o Partido Popular deixaron claro que non teñen vergoña porque non teñen necesidades, pero Galicia si as ten, e nós non imos cesar na defensa da cidadanía”.