A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Noela Blanco, esixiulle hoxe á Xunta que o Centro de Atención Para Persoas con Diversidade Funcional de Ourense sexa “cen por cen público”. Así o dixo no debate dunha pregunta oral en Comisión na que o director xeral de Maiores da Consellería de Política Social, quen “defendeu a xestión concertada ou contratada con empresas privadas, evitando comprometerse coa xestión pública do centro”.
Blanco esixiu a xestión pública do centro, con empregados públicos no mesmo, e cuestionou que “estean preparando os pregos para ver a que empresa ou fundación lle dan a xestión”, e mesmo chegou a alertar de que “queren ocultar a realidade da privatización” do servizo. Blanco cualificou de “vergoñento” o proceso de licitación deste centro, con “retrasos acumulados” dende a súa data de inauguración inicial, prevista para 2017, porque “intentaron tomarlles o pelo aos pais e nais”.
A responsable socialista sinalou que o proceso “sangra inxustiza”, e representa unha historia “plagada de mentiras e de falsas promesas”, dende o momento da presentación do borrador de proxecto que “rachaba cos compromisos adquiridos, reducindo o número de prazas e eliminando o requisito de que o centro fora terapéutico”.
Explicou que a sociedade ourensá reaccionou a esta “tomadura de pelo” cunha protesta nas rúas para protestar contra un centro “de segunda categoría”, obrigando a rectificar e propoñer unha nova ubicación cedida polo concello, malia que cun retraso de ano e medio na tramitación administrativa.