A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, reclamoulle hoxe á Xunta que pare de subvencionar calquera novo campionato de caza do raposo, a lo menos ata dispor de datos sobre a situación deste animal. A responsable socialista presentou unha proposición non de lei na que lle reclama á Xunta un informe sobre a poboación de raposos e os supostos prexuízos que avalen o seu control.
A deputada socialista recordou que o artigo 72 da lei 13/2013 autoriza a caza deste animal co fin de “protexer, conservar, fomentar e aproveitar ordenadamente os recursos cinexéticos”, finalidade que non parece cumprirse coa caza do raposo “a cal semella ter un interese meramente lúdico-festivo”.
Alude a Sociedade Galega de Historia Natural, a cal pon en solfa a existencia de datos que avalen as densidades e a tendencia das poboacións destes animais ou os prexuízos derivados da súa presenza que avalen o control da poboación. Ademais a SGHN destaca a importancia desta especie no aspecto sanitario, ao eliminar pequenos roedores prexudiciais para o ser humano, e no equilibrio ecolóxico ao eliminar os restos de animais mortos.
Lembra ademais que a propia Xunta, a través do Grupo Popular, votou a favor dunha proposición non de lei para “non subvencionar esta actividade, non apoiala nin participar na súa promoción e desenvolvemento” e que a definía como “inxustificada competición de morte de fauna silvestre”. Advirte que agora “é o propio Goberno quen autoriza e financia os vindeiros campionatos de caza do raposo”.