O portavoz do Grupo Socialista na Comisión da CRTVG, Luís Álvarez, solicitou hoxe a comparecencia urxente do director xeral da Corporación de Radio Televisión de Galicia, Alfonso Sánchez Izquierdo, pola supresión do Diario Cultural da Radio Galega no seu formato de 50 minutos, así como das desconexións locais da Coruña, Vigo, Lugo e Ourense na grella da Radio Galega.
Os socialistas presentan esta comparecencia, conxuntamente cos grupos de En Marea e do BNG, para coñecer “cales son as razóns da cancelación do programa cultural e das desconexións locais un ano antes das eleccións municipais, así como a programación alternativa que se ofertará nas súas faixas horarias”.
Álvarez lembra que o Diario Cultural, presentado pola poetisa e académica numeraria da Real Academia Galega Ana Romaní, constituíuse nun referente do fomento e divulgación da cultura galega dende os máis de 28 anos que estivo en antena.