O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, reclamou hoxe a comparecencia urxente no Parlamento do conselleiro de Sanidade para dar conta do impacto da situación de Povisa na atención sanitaria da Área de Vigo. Os socialistas presentaron hoxe unha solicitude de comparecencia conxunta cos grupos do BNG e de En Marea.
Torrado reclamoulle ao conselleiro que dea conta das derivacións que terá o anuncio do preconcurso de acredores dun hospital privado que ten concertada parte da atención sanitaria pública da área máis poboada de Galicia. Advertiu que esta situación deriva da dependencia do Sergas desta entidade privada en Vigo, un modelo que “impulsou e reforzou a Consellería de Sanidade do goberno Feijóo”.
Sinalou que esta situación “ten que ver coas deficiencias do novo hospital Álvaro Cunqueiro”, construído con financiamento privado e coa escaseza de camas proxectadas pola Consellería, nun centro que, dixo, “padece uns sobrecustes que por si mesmos permitirían reforzar a asistencia sanitaria pública na área de Vigo”.
Acusa ao goberno galego de situar a prioridade da atención sanitaria “lonxe dos pacientes”, preocupados de ampliar o espazo para a sanidade privada, o que deriva en situacións de “preocupación e incertidume” como a que están a vivir os cidadáns da área de Vigo.