O portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, José Antonio Quiroga, presentou hoxe a proposta de traballo dos socialistas galegos, que incorpora máis de 80 comparecencias e 50 informes específicos sobre a política de prevención e extinción, así como das causas e consecuencias da vaga de lumes de outubro.
O responsable socialista defendeu a que considera a proposta “máis concreta e completa” das que teñen presentado tódolos grupos parlamentarios e que serán debatidas na sesión da Comisión de Estudo convocada para o próximo mércores. Quiroga reclamoulle ao PP unha posición “flexible” que permita establecer un programa de traballo ambicioso neste órgano.
Os socialistas galegos solicitan a comparecencia do presidente da Xunta, así como de varios membros do goberno, entre os que se contan o vicepresidente ou os responsables de Medio Rural, Medio Ambiente e Economía, ademais dos directores xerais de Ordenación Forestal e de Emerxencias. Citan tamén a oito concellos especialmente afectados polos incendios, e a representantes das entidades e organizacións relacionadas coa xestión do monte e na loita contra os incendios.
Ademais incorporan a petición dunha serie de informes “específicos e cun grao de definición preciso en varios ámbitos, entre eles os emitidos polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ou a Fiscalía”. Quiroga sinalou así entre todos eles o informe da dirección xeral de Ordenación Forestal “acerca da relación de efectivos humanos e medios materiais de todo tipo a disposición do Servizo de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais”.
José Antonio Quiroga avogou por desenvolver un traballo exhaustivo cun plan de traballo ambicioso “que permita acadar unhas conclusións claras sobre a vaga de lumes, as súas causas e consecuencias e aprobar propostas para evitar que a problemática se repita no futuro”.
Propostas de traballo
Amosou a súa sorpresa polas propostas de plan de traballo presentadas polos restantes grupos parlamentarios, por canto, sinalou, o PP eludiu incluír ningún tipo de comparecencia nin informe que apunten á suposta trama incendiaria que foi o eixo central da argumentación do presidente e de todo o goberno galego.
No mesmo sentido, sinalou ás propostas presentadas por algún grupo da oposición nas que “fallan peticións de comparecencia de responsables políticos e institucionais con competencias sobre a vaga de lumes”.