O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, dixo hoxe que a resposta de Feijóo logo da sentenza da Gürtel constitúe en realidade un “simulacro de apoio e posible traizón en diferido” a Rajoy. Así o dixo logo das declaracións do presidente da Xunta, que despois de filtrarse os seus movementos para suceder a Rajoy, apuntaba onte a súa fidelidade predicando que “non serei un Xudas”.
O responsable socialista confirmou, logo da Xunta de Portavoces que fixou a orde do día o Pleno do Parlamento na próxima semana, que levará á sesión de control a Feijóo o impacto na política galega da condena ao PP como beneficiario da trama de corrupción. Leiceaga preguntouse “que tería que pasar para que Feijóo se separase abertamente da cúpula do partido e convenza a Rajoy de que asuma responsabilidades”.
Os socialistas incluirán esta pregunta logo do veto do PP á solicitude de comparecencia do presidente da Xunta logo de que o seu partido fora declarado partícipe a título lucrativo da rede Gürtel.
Fernández Leiceaga quere darlle a oportunidade ao presidente da Xunta para que asuma abertamente que o PP debe asumir responsabilidades e que sinale que Rajoy non pode continuar como presidente do goberno. Sinalou a delicada situación do presidente do goberno logo de que a sentenza constatara que “carece de credibilidade” nin sequera para o tribunal que xulgou o caso e que desbotou a versión do presidente do goberno.
Puntualizou que “non se trata de asumir responsabilidades retrospectivamente e de maneira etérea” e lamentou que Rajoy non tomara ningunha das súas tres opcións máis evidentes, como eran someterse a unha cuestión de confianza, dimitir ou convocar eleccións. Dixo que “polo tanto ten que asumir unha moción de censura e o resto dos grupos parlamentarios teñen que dicir se queren que continúe ou non”.
Ademais, lembrou que o ex secretario de Organización do PP galego, Pablo Crespo, é un dos principais condenados e que foi mantido por Feijóo como representante institucional de Portos antes de 2005. Preguntou se o feito de mantelo naquel cargo mesmo despois de que fora apartado da responsabilidade do partido responde a que “sabía algo e por iso o mantiveron nas institucións”.
Orde do día
A sesión plenaria da próxima semana incluirá dúas iniciativas do Grupo Socialista en materia sanitaria, como é unha proposición non de Lei para garantir a cobertura sanitaria no verán e unha pregunta sobre a caída na calidade asistencial ofrecida no Hospital de Verín. Tamén presentarán unha proposición non de Lei diante da unificación e redución do apoio a través dos programas de axudas para desempregados sen prestacións.
O Pleno do Parlamento comezará ademais cunha proposición de Lei na que os socialistas galegos solicitan penalizar o uso de bolsas de plástico non reutilizables. En materia medioambiental defenderán tamén unha interpelación sobre o tratamento de residuos líquidos e o impacto dos vertidos sobre as rías galegas, que será presentada polo Grupo Socialista o próximo venres no Salnés.
Ademais, incluirán unha moción para garantir que o tratamento fiscal das axudas aos emigrantes retornados sexa semellante á dos españois, e que non se vexan penalizados polas axudas á invalidez ou incapacidade permanente. Os socialistas reclámanlle tamén ao goberno galego unha unidade específica de atención aos retornados de Venezuela, en situación límite logo de “demasiados meses” sen percibir axudas ás que teñen dereito.
Tamén presentarán unha pregunta oral na que reclaman un plan de actuación inmediata eficaz para paliar os efectos do “desastre” provocado pola explosión da pirotécnica no Concello de Tui.