Silvia Longueira acusa ao director xeral da CRTVG de incumprir coa obriga como servizo público e critica a desaparición da información local, o incumprimento da obriga de promoción da lingua galega e a persecución política aos traballadores dos informativos
Carmen Dacosta denuncia o “malgasto de fondos” da TVG, que pagará 300.000 euros prorrogables para facer fondos para unha pantalla de 97 metros cadrados que custou 1,2 millóns de euros
A portavoz do Grupo Socialista na Comisión da CRTVG, Silvia Longueira, responsabilizou á actual dirección da caída dun 30 por cento na audiencia, que evidencia que o seu modelo de xestión “non ten cabida na sociedade actual”. Así o dixo na comparecencia do director xeral no Parlamento para presentar a memoria do exercicio 2023 que criticou que enviaran hai apenas dous días.
Lamentou que a xestión e as audiencias do ente público sexan máis parellas a Madrid ou Aragón, máis residuais, que ás canles autonómicas de Cataluña e do País Vasco, líderes nos seus territorios. Advertiu ademais que o 53 por cento da poboación considera que non é moderna, e máis dun 42 por cento considera que hai un déficit informativo no eido cultural, nun servizo que se dirixe a unha poboación de máis de 65 anos en poboacións de menos de 10.000 habitantes.
Acusou ao director xeral de incumprir a súa obriga como servizo público pola súa obsesión co control político dos informativos, que os levou a unha escalada de persecución aos traballadores e traballadoras que derivou na imputación de ata 9 directivos nun proceso de acoso laboral. Advertiu que a CRTVG “incumpre coas garantías de atender ás necesidades de información, cultura, educación e entretemento da sociedade galega”.
Longueira criticou que empregaran a redución de custes como escusa para desmantelar os centros territoriais por intereses políticos, para facer desaparecer da grella aos alcaldes socialistas das principais cidades galegas. Ademais reduciron de forma drástica a produción propia nestes 15 anos de xestión nos que incumpren sistematicamente o Pacto pola Lingua, ao diminuír os programas en galegos, e a Lei Paz Andrade, que obriga a producir módulos en portugués.
Malgasto de fondos
A parlamentaria socialista Carmen Dacosta denunciou hoxe o “malgasto inxustificable” de fondos propios da TVG, que vén de externalizar, por 300.000 euros prorrogables, a elaboración de fondos de pantalla para un panel de 97 metros cadrados situado no Plató 300 de San Marcos. Este custe súmase aos 1,2 millóns de euros que custou a instalación deste dispositivo, e que estivo paralizado durante 9 meses por cuestións técnicas.
A responsable socialista dixo que este caso constitúe un “exemplo clarísimo dunha nova contratación innecesaria” por parte da TVG, e un “verdadeiro malgasto de fondos públicos e unha externalización que empeora o servizo prestado”. Denunciou que a corporación vaille pagar “máis de medio millón de euros en total a unha empresa externa polas imaxes de fondo do novo plató, cando os labores de creación desenvolveranse nun 80 por cento por persoal propio”.