Critica as “políticas galegofóbicas” do goberno galego e apunta: “se un compañeiro meu fora director xeral de Política Lingüística, recomendaríalle que presentara de inmediato a súa dimisión”
A portavoz de Lingua do Grupo Socialista, Silvia Longueira, apunta que a caída de galegofalantes que vén de evidenciar o último informe do IGE supón unha “emenda á totalidade” das políticas de lingua do goberno galego. A responsable socialista sinala que estes datos “dan a medida das consecuencias das políticas galegofóbicas do goberno galego”, que teñen situado á lingua nunha “situación límite”.
Apunta que o presidente da Xunta, que “chegou ao goberno detrás da pancarta de Galicia Bilingüe, hoxe está máis preto dunha Galicia monolingüe en castelán”. Ademais, Rueda “acumula os dous fitos máis negros para a lingua galega por parte dun goberno da Xunta”, que son “conseguir que os falantes en castelán superen por primeira vez aos galegofalantes en Galicia” e ter ordenado o voto en contra do uso do galego no Congreso dos Deputados.
Neste sentido, reivindicou o “orgullo de ter impulsado a normalización do uso do galego no Congreso baixo o liderado de José Ramón Gómez Besteiro” fronte á “obsesión de Rueda de saír sempre coa foto escura do galego”. A responsable socialista apuntou que “chegados a este punto, e cos datos enriba da mesa, teño claro que se un compañeiro meu fora director xeral de Política Lingüística nesta situación recomendaríalle que presentara de inmediato a súa dimisión”.
Resume que os datos evidencian unha situación alarmante logo de 15 anos de medidas de desacreditación do idioma galego dende as propias institucións autonómicas, que acadaron unha “despatrimonialización acelerada da lingua galega dende 2018 até 2023”. Lembra neste sentido que o goberno galego ten desatendido á Carta Europea das Linguas Rexionais, que deu a alarma diante da desprotección do galego, reclamándolle á Xunta que tomara unhas medidas que desatendeu.
Apunta que segundo o informe do IGE, o emprego da fala e a escrita diminuíu en tódolos ámbitos, e amosa unha desafección que comeza na propia escola e se estende ao uso do galego entre a poboación maior de 16 anos, incluíndo o seu uso nas redes sociais. Subliña a suba do uso do castelán en detrimento do galego dentro da casa e na escola, e os datos do uso do castelán na escrita resultan abafantes, cun 82 por cento fronte ao 2 por cento do galego.