Denunciou no pleno do Parlamento que a lei de 2014 “precisa urxentemente dun desenvolvemento regulamentario e dunha revisión que aborde os problemas” e sirva para impulsar accións eficaces
“Non se trata de promulgar unha lei. Trátase de evitar que morran persoas, de que poidan traballar sen ter que informar da súa tendencia sexual e poidan facer deporte sen ser humillados”, criticou a deputada do PSdeG
A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Silvia Longueira, esixiulle hoxe ao Goberno galego que dote dunha estrutura administrativa propia as políticas de dereitos LGTBI “e se comprometa cun incremento orzamentario”, do mesmo xeito que están a facer comunidades autónomas como, por exemplo, Asturias.
Na exposición dunha pregunta urxente no pleno do Parlamento, en relación coa política que desenvolve a Xunta de Galicia para loitar contra os comportamentos de odio cara á comunidade LGBTI, Longueira denunciou que a lei de 2014 pola igualdade de trato e non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais “precisa urxentemente dun desenvolvemento regulamentario e dunha revisión que aborde os problemas” e impulse accións eficaces. Nese senso, sinalou en que os ataques ao colectivo non están a diminuír. Invitou, ademais, a que todos os partidos con representación na Cámara autónoma rubriquen o primeiro pacto galego para a garantía dos dereitos LGTBI.
A deputada socialista apuntou importantes eivas en ámbitos como o educativo, o laboral ou o deportivo que se traducen en inseguridade para o colectivo. Entre elas, mencionou que nin o profesorado dos centros educativos, nin o persoal da Administración ou do eido sanitario contan coa necesaria formación.
“Non se trata de promulgar unha lei. Trátase de evitar que morran persoas, de que poidan traballar sen ter que informar da súa tendencia sexual e poidan facer deporte sen ser humillados”, afirmou, e denunciou que a Xunta emprega como “desculpa” a creación dun observatorio no que participan seis colectivos, pero carece dun orzamento “que xustifique accións eficaces”. “Aportan vostedes 48.000 euros, fronte a un millón de euros de concellos como o da Coruña”, criticou sobre a falta dos recursos necesarios para a xestión.
Silvia Longueira describiu a situación real do colectivo apoiándose en datos: unha enquisa recolle que o 81 % dos estudantes LGTBI dos institutos galegos foron agredidos, mentres que a metade dos participantes no estudo “aseguraron que non farían nada ou non saberían que facer en caso de presenciar un ataque homófobo”. Tamén, que cerca do 70 % do profesorado asegura ter presenciado agresións homófobas.