Acusa ao goberno galego de encargar unha enquisa “ad hoc” sobre o galego que é “inverosímil” para “blindar a súa decisión” de continuar sen afrontar “o problema que vostedes crearon”
A portavoz de Lingua do Grupo Socialista, Silvia Longueira, esixiulle hoxe ao goberno galego que cumpra coa Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias e deixen de aplicar “políticas regresivas” contra o galego. Longueira presentou unha interpelación no Pleno do Parlamento para reclamarlle ao conselleiro de Cultura que deixen de atacar á lingua provocando o seu retroceso en ámbitos como o ensino.
A responsable socialista acusou ao goberno galego de incumprir co tratado, que España ratificou en 2001, e que blinda o recoñecemento e promoción do galego, o éuscaro e o catalán, o seu uso na vida pública e oficial, e garante o dereito a aprender e usar a lingua.
Afeoulle ao conselleiro que convocara precisamente hoxe en Santiago as comisións de renovación do Plan xeral de normalización da lingua, o mesmo día que se debate a interpelación e xusto despois de ter encargado unha enquisa “ad hoc” para desmentir os resultados do propio IGE e lexitimar a súa posición. Unha posición, dixo, que por un lado vende conversas por un suposto novo pacto pola lingua ao tempo que avanzan na súa xestión en contra do galego.
Aludiu así á decisión do PP de rexeitar en Bruxelas a proposta de nomear ao galego como lingua cooficial por segunda vez, desatenden as peticións das entidades que traballan no ámbito da tradución, o ensino e a defensa do galego. Denunciou que teñan presentado unha Lei de Audiovisual no que deixan o uso do galego na CRTVG “ao albur” de que decidan empregalo “ou non”, e convocan unha praza na televisión pública que “pode ser feita en castelán”.
Enquisa inverosímil
Silvia Longueira criticou que o goberno galego encargara a unha empresa privada e por 17.545 euros -un contrato menor que permite a contratación directa- unha enquisa para replicarlle á sondaxe oficial do Instituto Galego de Estatística, que revelou que o uso do galego foi superado por primeira vez polo castelán en Galicia.
A responsable socialista subliñou que “non hai unha sola asociación que lle outorgue visos de realidade” a esta enquisa contratada “para blindar a súa decisión” de continuar na liña do PP de “promover políticas recentralizadoras que limitan o uso oficial das linguas distintas do castelán”.