A deputada socialista Silvia Longueira presentou hoxe unha pregunta urxente no Parlamento de Galicia para esixir explicacións á Conselleira de Política Social, Fabiola García, polo desmantelamento progresivo do sistema de atención á dependencia. A situación, denunciou, é insostible: máis de 4.000 galegos e galegas agardan por unha valoración, 1.800 esperan por unha praza en residencia e preto de 440.000 persoas de entre 55 e 65 anos veranse atrapadas nun sistema falido nunha década se a Xunta non actúa.
A parlamentaria socialista lembrou que “a Xunta é plenamente consciente do colapso que provocou coa súa xestión”, e denunciou a “estratexia de parálise e destrución progresiva que está a aplicar a Consellería de Política Social”. Longueira puxo como exemplo o que acontece na cidade da Coruña, onde máis de 800 persoas esperan ser simplemente valoradas, un trámite que, na práctica, demorará máis dun ano.
A intervención foi seguida dende o Grupo Parlamentario por representantes do Consello Galego de Traballo Social, que mantiveron un encontro con Silvia Longueira e o portavoz do Grupo socialista, José Ramón Gómez Besteiro.
Decisións erróneas e falta de planificación
Longueira insistiu que a xestión da Xunta no eido da dependencia está marcada pola improvisación e as contradicións: crearon unha axencia e desfixeron o consorcio; cesaron profesionais con experiencia e desmantelaron as estruturas existentes; suprimiron o informe social dos traballadores sociais, eliminando un filtro fundamental para garantir unha atención adecuada.
Esta última medida, “ademais de ser un golpe frontal contra os profesionais do sector”, beneficia directamente os intereses de aseguradoras privadas que xa ofrecen servizos de xestión da dependencia por máis de cen euros, convertendo en negocio o que debería ser un dereito garantido, explicou a deputada socialista.
A posta en marcha desta medida sen información nin formación previa provocou a dimisión de tres xefes de servizo vencellados á dependencia na Xunta. “Como se pode entender que alguén teña que autodiagnosticarse para solicitar un servizo básico?”, cuestionou Longueira.
Miles de galegos agardan por unha resposta
O Goberno galego xustifica a súa parálise argumentando custos e problemas burocráticos, mentres cada mércores engádense novas persoas a unha lista de espera interminable. Por iso, Silvia Longueira esixiu unha rectificación inmediata e a posta en marcha dun plan serio e realista para reverter o colapso do sistema de atención á dependencia en Galicia.
“Se a Xunta non está en condicións de garantir un dereito básico como é a atención á dependencia, que dean un paso ao carón e deixen gobernar a quen si ten capacidade de xestión”, concluíu Longueira.