Silvia Longueira esixe “apoio real” do goberno galego e lamenta que a propia conselleira de Política Social “descoñeza os programas do seu departamento fronte á homofobia”
A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Silvia Longueira, advertiu hoxe que o orzamento da Xunta para a sensibilización fonte aos ataques homófobos resulta “absolutamente insuficiente”. Longueira presentou unha pregunta na que criticou que os apenas 150.000 euros destinados pola Xunta nin sequera chegan ao orzamento dedicado polo concello da Coruña só naquel concello.
A responsable socialista esixiu “apoio real para un problema real”, e lamentou a falla de implicación da conselleira, que demostrou hoxe descoñecer os programas do seu propio departamento fronte á homofobia. Alertou da urxencia dunha acción contundente do goberno galego diante do crecemento das agresións homófobas, que só nos últimos 5 anos se duplicaron en Galicia, de acordo co último informe do Ministerio de Interior.
Advertiu que o incremento deste tipo de delitos “require dunha resposta firme e coordinada das institucións”, porque “a orientación sexual non pode seguir sendo o branco de agresións, vulneración de dereitos e delitos de odio”. Sinalou que os poderes públicos teñen “a obriga de formar parte activa da normalización dos dereitos da sociedade e traballar na rectificación de comportamentos anómalos que van contra a liberdade e a vida da cidadanía”.
Longueira aludiu ao xuízo polo asasinato de Samuel Luiz o 4 de xullo de 2021 na Coruña, que está pendente de sentenza, e no que un dos avogados dos acusados dixo que “vostedes queren converter este xuízo nun folclore gai”. Sinalou que esta consideración evidencia que “non podemos permitir que non haxa máis campañas de sensibilización nin programas concisos” por parte dun goberno que “só fala de boas intencións”.