Reclama máis orzamento para proxectos artísticos contratados en igualdade de condicións
A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Silvia Longueira, acusou hoxe á Xunta de repartir “a dedo” máis de 19 millóns de euros en catro anos a grandes empresas de espectáculos mentres castigan ás salas independentes e pequenas empresas. Longueira presentou unha proposición non de Lei para reclamarlle á Xunta máis orzamento para proxectos artísticos contratados en igualdade de condicións, que foi rexeitada polo PP.
Explicou que o modelo da Xunta, que concentra as axudas para festivais de xeito arbitrario nun pequeno grupo de empresas internacionais, produce distorsión do mercado e provoca unha “fenda” que impide o crecemento das iniciativas independentes. Criticou un sistema de axudas “sen concorrencia competitiva, sen criterios obxectivos de reparto e deixando fora ás asociacións, cooperativas e empresas culturais que se esforzan en eventos culturais de gran cualificación”.
Ao repartir o groso das axudas por adxudicación directa obrigan ás salas independentes e pequenas empresas a competir polo resto “ata que acabe o diñeiro”, que “teñen que dividir o recibo da luz polo número de actuacións”. Censurou unha “tramitación arbitraria, destrutora e invalidante co tecido cultural, que non é capaz de crecer, esquilmando a posibilidade de facer grande o noso e o diferente”.
Os socialistas galegos reclamaron hoxe aumentar as partidas orzamentarias destinadas á contratación de eventos que estean a desenvolverse por creadores galegos dentro e fora de Galicia, creando liñas de concorrencia competitiva para a contratación de proxectos artísticos interdisciplinares que leven aparellados procesos de investigación artística vencellados a Galicia. Tamén reclama un Plan de internacionalización para a divulgación da creatividade galega.