A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Paloma Castro, reclamoulle hoxe á Xunta un Plan para a Recuperación da Memoria Histórica e unha partida específica nos Orzamentos de 2021 para o cumprimento da Lei de Memoria Democrática. Así o dixo no debate dunha pregunta oral en Comisión na que acusou ao goberno galego de “agochar unha falla de respecto total cara a nosa historia e as súas vítimas”.
Castro criticou o “cinismo” demostrado polo goberno galego, que “enche a boca” ao reivindicar a recuperación do Pazo de Meirás e o patrimonio galego como as tallas do Mestre Mateo ou a Casa Cornide pero “permite a xestión do Pazo por parte da Asociación Francisco Franco, que a utiliza para facer apoloxía”. O mesmo goberno que permitiu, lembra, suspender as visitas ao Pazo para realizar unha “mudanza” que “era un novo intento de substraer o noso patrimonio.
A responsable socialista apuntou tamén que foi o goberno de Feijóo o que interrompeu o convenio de colaboración coas universidades galegas para levar a cabo un programa de investigación sobre a Guerra Civil e a represión enGalicia. O mesmo que en 2009 freou o traballo a favor da recuperación da memoria democrática deixando “desamparadas e sen cobertura orzamentaria ás asociacións que levaban anos traballando pola recuperación da memoria”.
Lembrou que a sentenza de Meirás “é un gran paso no camiño, pero temos que continualo, e agora é tempo de render homenaxe ás nosas vítimas, recuperar a nosa historia e seguir gañando dereitos en prol das persoas que sufriron a represión”. Subliñou que “é imposible construír un futuro dende o silencio e o esquecemento do noso pasado”.
Sinalou que “non podemos mirar para outro lado, temos que pechar as feridas” porque “non hai pobo de Galicia no que non fora paseado algún veciño, e os seus restos sigan enterrados nunha fosa, cunetas, nos montes ou en tapias de cemiterios.
Explica que dende o ano 2003 hai en Galicia 19 fosas abertas e máis de 50 corpos recuperados en lugares como A Capela –A Coruña-, Mondoñedo, O Incio, Saa e Castroncelos – A Pobra de Brollón –Lugo-, Beade e Mosteiro de Ribeira –Ourense-, e San Salvador de Budiño, San Pedro de Tenorio e San Fiz de Gález –Pontevedra-.
Sinala que “a xestión patrimonial destes lugares é imprescindible para que a nosa sociedade reflexione activamente acerca do acontecido entón e dende entón”, e engade que “os lugares da represión deben constituírse en espazos para a reflexión colectiva, coma fixeron noutros lugares coma Alemaña”.