O deputado socialista José Manuel Pérez Seco vén de presentar unha iniciativa parlamentaria na que lle esixe á Xunta que recupere o servizo de Pediatría nos concellos de San Sadurniño, Moeche, Cerdido e As Somozas a lo menos tal e como se viña prestando ata o traslado da anterior pediatra.
O responsable socialista critica que logo do traslado, o servizo será prestado no Centro de Saúde de San Sadurniño por un médico puericultor os luns, mércores e venres e por dous facultativos do Fontenla Maristany os martes e xoves, ningún deles ten a especialidade de Pediatría. Ata o recente traslado da anterior pediatra a unha nova praza, esta atendía en San Sadurniño os luns e os venres, en Cerdido os martes, nas Somozas os mércores e en Moeche os xoves.
Esta situación coincide coa perda da calidade do servizo en Cariño, Ortigueira e Mañón, que os socialistas veñen de denunciar, e responde á decisión do goberno galego de agrupar aos profesionais, concentrando os servizos de pediatría en Atención Primaria en torno ás vilas máis importantes, deixando desatendidas as zonas despoboadas.
A decisión do goberno galego, fortemente contestada polos profesionais e polos pais e nais, ten “consecuencias importantes na calidade do servizo”, saturando aos pediatras cun maior número de doentes infantís, que en moitos casos nin sequera son atendidos por especialistas en Pediatría. Ademais, forza ás familias a facer grandes desprazamentos con horarios imposibles para a conciliación.