A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, María Pierres, instou hoxe á secretaria xeral de Igualdade da Xunta a que reivindique do goberno central a dotación orzamentaria comprometida no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Así o dixo na presentación, hoxe en Comisión, do informe anual sobre a situación da violencia de xénero en Galicia.
Pierres acusou ao goberno central de incumprir co seu compromiso de dotar ás comunidades autónomas de 100 millóns de euros adicionais, ademais doutros 20 para os concellos durante os próximos 5 anos. Para o ano 2018, os primeiros 200 millóns quedan en 80 nos orzamentos xerais do Estado, “deixando os outros 120 a xestionar polas administracións territoriais, e polo tanto no aire”.
Reclamoulle á Xunta que se dirixa ao goberno central para “reclamar a dotación orzamentaria suficiente, como xa fixo o PSOE no Congreso dos Deputados” e engadiu a petición de reforma da Lei para devolverlle competencias aos concellos nesta materia. Puxo en dúbida o compromiso do PP coa igualdade logo de, lembrou, que o secretario deste partido en Galicia cualificara a folga de mulleres como “o máis machista”.
A responsable socialista lamentou hoxe o “continuísmo” do goberno galego nas políticas de prevención e loita contra a violencia de xénero, cun informe que resulta “unha compilación de datos sen conclusións relevantes”. Advertiu por exemplo que os datos ofrecidos pola Xunta non inclúen por exemplo o informe da Delegación do Goberno en Galicia sobre a Violencia de Xénero.
Chamou a “acelerar o ritmo” de aplicación de medidas dirixidas á sensibilización social, logo de lembrar a escasa implantación da materia de libre configuración sobre Igualdade de Xénero en 31 dos 253 centros de secundaria de Galicia. Sinalou que no ano pasado houbo en Galicia 66 alumnos e alumnas afectados por cambio de centro derivado de 49 casos de acoso escolar, cifra que reflicte a importancia de incidir nas políticas de igualdade entre os menores.
Disfunción
Ademais, apuntou á “disfunción ou desaxuste” nos esforzos de atención psicolóxica para vítimas e maltratadores, xa que “os homes agresores contaron con dobre orzamento que as vítimas”, con 165.000 euros para 830 vítimas -200 por persoa- fronte a 34.600 euros para 84 agresores -400 euros por persoa-.