O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, limitou hoxe a “palabras” a estratexia de atención á cronicidade que presentou a Consellería de Sanidade en Comisión parlamentaria. Torrado lembrou que o ano pasado tamén presentaron o plan, que ao final quedou en nada, que xa fora anunciado en 2013, e en 2014 aseguraban telo posto en marcha en 2011, co que, en resume, “anuncian por quinta vez” a mesma estratexia.
O responsable socialista amosou as súas dúbidas de que “non vaian vir dentro de dous anos anunciar de novo a estratexia galega de atención á cronicidade”, a pesares de que a día de hoxe “descoñecemos da existencia de ningún documento que se poida consultar”. Lembrou así que en 2013 “presentaron un plan que sería distinto pero chamábase igual” ademais de que fixeran “exactamente a mesma presentación” que hoxe.
Neste sentido, agradeceu a “sinceridade” do director xeral de Asistencia Sanitaria ao “recoñecer explicitamente que queren facer propaganda” con esta estratexia xa que “comparece hoxe non para recoller aportacións nin debater os seus obxectivos, senón porque o luns o van presentar publicamente”. Ademais, sinalou que ao advertir que “agora si que hai documento” en realidade agochan unha emenda á súa propia Consellería.
Criticou que estes “anuncios” coincidan coa supresión das xerencias, o estancamento dos orzamentos de Atención Primaria, a saturación do persoal pola falla de substitucións e importantes eivas nas infraestruturas dos centros de saúde. Tamén reducen, dixo, a atención hospitalaria, provocando retrasos inxustificables nas citas e centralizando a atención nos hospitais urbanos, abandonando os comarcais, precisamente onde atenden á poboación máis avellentada.
Pasividade
Denunciou a “pasividade” do goberno galego que utiliza a “suposta falla de médicos” como “unha escusa para reducir un sistema no que non cren”, e por iso, dixo, anuncian esta estratexia os mesmos que aplican un copago farmacéutico ás persoas maiores.
Advertiu que “con palabras non se resolve a situación da sanidade”, que ten que afrontar un “reto asistencial” mentres o goberno galego permanece “estancado”. Torrado apuntou como imprescindible o reforzo da Atención Primaria para abordar as particularidades dos pacientes crónicos, e reivindicou que teñan en conta as diferenzas de xénero, cun sistema que ten aos homes como patrón asistencial para unha doenza que afecta fundamentalmente ás mulleres.