Lara Méndez denunciou especialmente o bloqueo á revalorización das pensións, unha decisión que afecta a case 700.000 galegos e galegas que dependen destas actualizacións para manter unha vida digna
Así mesmo, alertou do impacto do rexeitamento ás axudas ao transporte público, que prexudica a máis de 82.000 estudantes e traballadores galegos, e á prórroga da suspensión de desafiuzamentos, deixando sen protección a numerosas familias que se enfrontan a situacións límite
A viceportavoz do Grupo Parlamentario Socialista, Lara Méndez, instou hoxe a Rueda a decidir de que lado está: “Ou defende aos pensionistas, á clase traballadora e aos máis vulnerables, ou segue sendo o palmeiro de Feijóo e da ultradereita”.
Méndez lanzou esta mensaxe durante a súa comparecencia ante os medios, na que tamén advertiu que o Partido Popular “está a traizoar a Galicia e as súas xentes” co seu rexeitamento ao decreto ómnibus do Goberno.
Lembrou que este decreto incluía medidas clave para o benestar da cidadanía, como a revalorización das pensións, axudas ao transporte público, descontos nas peaxes, bonificacións para industrias electrointensivas e a prórroga da suspensión de desafiuzamentos para as familias máis vulnerables.
“Ao votar en contra, o PP deu as costas a estudantes, traballadores, pensionistas e empresarios, privándoos de ferramentas esenciais para facer fronte ás dificultades do día a día”, afirmou Méndez.
693.350 pensionistas, castigados polo PP
A viceportavoz denunciou especialmente o bloqueo á revalorización das pensións, unha decisión que afecta a case 700.000 galegos e galegas que dependen destas actualizacións para manter unha vida digna. “Rueda e Feijóo decidiron mirar para outro lado, abandonando ás persoas maiores que tanto lle deron a este país”, subliñou.
Así mesmo, alertou do impacto do rexeitamento ás axudas ao transporte público, que prexudica a máis de 82.000 estudantes e traballadores galegos, e á prórroga da suspensión de desafiuzamentos, deixando sen protección a numerosas familias que se enfrontan a situacións límite.
Méndez foi especialmente crítica co que cualificou de “cinismo descarado” do PP: “Despois de votar en contra destas medidas, intentan manipular o discurso para ocultar que son unha dereita elitista e insensible, allea ás necesidades das persoas traballadoras e maiores”.
Ademais, lamentou a estratexia de Feijóo de “copiar propostas do PSdeG e presentalas como propias”, como fixo recentemente co Banco Público de Aluguer, unha iniciativa defendida polo portavoz socialista José Ramón Gómez Besteiro e que o PP rexeitara anteriormente no Parlamento galego. “É unha mostra máis da súa hipocrisía e da súa falta de visión política”, engadiu.
Chamamento á responsabilidade de Rueda
De cara á vindeira sesión de control no Parlamento de Galicia, na que Gómez Besteiro interpelará a Rueda sobre as crecentes desigualdades en Galicia, Lara Méndez exixiulle ao presidente da Xunta que deixe de ser un “subordinado político de Feijóo” e que comece a actuar en defensa dos intereses reais dos galegos e galegas. “Rueda ten que escoller se está do lado da xente ou do lado de Feijóo e da ultradereita que só busca dividir e retroceder”, concluíu.