Begoña Rodríguez Rumbo explica que os socialistas centrarán a pregunta ao presidente na “acreditada insolvencia” de Rueda para aproveitar o potencial enerxético desta Comunidade Autónoma
A viceportavoz do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, anunciou hoxe que o Grupo Socialista forzará a Rueda a dar conta do seu “novo chiringuito” para privatizar a xestión dos recursos naturais de Galicia, a través da pregunta ao presidente que presentarán no Pleno da próxima semana. Rodríguez Rumbo presentou, logo da Xunta de Portavoces, os asuntos que o Grupo Socialista levará a o Pleno.
A responsable socialista advertiu que a constitución da sociedade mixta Recursos de Galicia, na que a Xunta apenas mantén o 30 por cento do capital social, supón “deixar en mans privadas” o control da entidade, que será “unha sociedade privado – pública”, ironizou. Lamentou que desta forma Rueda “evidencia que non sabe xestionar a riqueza natural” de Galicia, que ademais necesita garantir nun primeiro lugar a protección do territorio.
Rodríguez Rumbo presentará tamén unha pregunta oral para criticar a súa “falta de impulso e de ambición” ao deixar en mans privadas a xestión do “ben máis prezado” de Galicia, como son os seus recursos naturais, ademais de que o fai “ao amparo dunha Lei que aínda non tivo entrada no Parlamento de Galicia”. Engadiu que o presidente da Xunta demostra así a súa “falla de execución, impulso e ambición” na xestión dos recursos naturais de Galicia.
Rodríguez Rumbo lamentou a “acreditada insolvencia” do presidente da Xunta á hora de xestionar o aproveitamento enerxético de Galicia, como teñen demostrado ao empregar a Lei de Acompañamento aos Orzamentos de 2024 para “promover pola porta de atrás unha maior inseguridade xurídica” nos parques eólicos.
E isto, engadiu, despois de demostrarse “incapaz” de elaborar un novo plan eólico para o despregamento ordenado da enerxía renovable, ata o punto de “forzar unha rebaixa das garantías medioambientais” para sacar adiante os parques eólicos e “sortear as sentenzas dos tribunais anulando boa parte” dos parques que está a promover o goberno galego.
Os socialistas galegos incluirán ademais dúas interpelacións no próximo Pleno, unha delas sobre a situación laboral e económica da mocidade en Galicia que foi adiada na anterior sesión plenaria pola ausencia da conselleira.
A segunda interpelación centrarase na ineficiencia por parte da xestión da Xunta da xestión das autovías autonómicas, como vén de acreditar o último informe do Consello de Contas alertando do sobrecuste imposto polo goberno galego nas peaxes na sombra destas infraestruturas. O Grupo Socialista reclamaralle á conselleira que atenda ás recomendacións do ente fiscalizador para reducir os incrementos das tarifas abonadas ás concesionarias.
O Pleno do Parlamento incluirá ademais unha proposición non de Lei para reclamarlle á Xunta que “volva ao diálogo” co goberno central co obxecto de acadar vías que conduzan á transferencia da competencia sobre ordenación e xestión do litoral de Galicia. Reclamoulle á Xunta que “recapacite” para buscar solucións “garantindo a viabilidade e a seguridade do sector mar industria, do resto das empresas, ademais dos traballadores e do conxunto dos galegos e galegas”.
Tamén presentarán unha proposición non de Lei para pedirlle á Xunta que garanta a continuidade da oferta formativa do campus universitario de Lugo diante do anuncio de supresión de varias titulacións. No apartado de preguntas orais, os socialistas levarán os problemas da Atención Primaria na Mariña lucense e lle reclamarán a Sanidade que acepte a cesión dunha parcela do Concello de Santiago para construír un novo aparcadoiro no Hospital de Santiago.
Violencia de xénero
Rodríguez Rumbo comezou a súa intervención de hoxe facendo un chamado ás forzas políticas para “unir esforzos” fronte á “lacra insoportable” de mulleres asasinadas e agredidas a mans das súas parellas, diante do asasinato dunha muller no Porriño, que se está a investigar como violencia de xénero, ou a recente agresión cun coitelo a unha muller na Coruña a mans da súa parella.
A responsable socialista advertiu que “a negación non é unha opción”, e dirixiuse ao PP para reclamarlle que “reconduza e volva á condena explícita” da violencia machista “alí onde goberna coa ultradereita”. Reclamou “potenciar as medidas e recursos para avanzar na erradicación dunha lacra que nos ataca a todos e a todas como sociedade” e que deriva nun “número insoportable de mulleres asasinadas a mans das súas parellas ou ex parellas”.