O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, reclamoulle hoxe ao vicepresidente da Xunta que asuma en primeira persoa as negociacións cos sindicatos de Xustiza para desbloquear a folga que ten colapsado o sistema en Galicia e causado “un problema demasiado serio”.
O responsable socialista sinalou que neste momento “só un cambio na representación da Xunta na negociación” pode devolverlle a credibilidade diante dos representantes dos traballadores e afrontar un posible acordo. Lembrou que a administración da Xustiza é responsabilidade do vicepresidente e polo tanto “debe dar a cara, asumir o seu protagonismo e facerlle fronte á negociación”.
Advertiu que Rueda “debe estar para resolver problemas” e mediar entre as consellerías implicadas para resolver o conflito na liña da moción socialista que aprobou o Pleno do Parlamento en decembro co voto a favor do propio conselleiro. Daquela apoiaron situar as retribucións dos traballadores na media do Estado, consolidar prazas estruturais, repoñer aquelas que foron amortizadas ou acabar coa súa discriminación co resto do Estado.
Explicou que as negociacións mantéñense bloqueadas porque “non existe liderado nin autonomía” nos mediadores designados polo goberno galego, logo de que tiveran desautorizado ao propio Consello Galego de Relacións Laborais, que tiña encamiñada a mediación. Por iso apelou a que sexa o propio Rueda quen se poña á fronte das negociacións e “demostre se ten capacidade política” para resolver esta situación.
Comparecencia
Os socialistas confirmaron ademais a súa colaboración co resto dos grupos da oposición para conseguir a comparecencia do conselleiro diante do Pleno do Parlamento, se ben reiterou a importancia de que se presente “nos próximos días” diante dos traballadores e traballadoras.
Ademais, Fernández Leiceaga adiantou hoxe que centrará a sesión de control do próximo Pleno do Parlamento nas políticas relacionadas coa igualdade de xénero do goberno galego. Sinalou que Feijóo terá que responder diante desta pregunta precisamente na véspera do Día da Muller, o próximo 8 de marzo.