O portavoz de Marisqueo do Grupo Socialista, Julio Torrado, lamentou hoxe o “ridículo espantoso” demostrado polo presidente da Xunta ao defender a candidatura de Vilaxoán como sede do Laboratorio de Bivalvos seis meses despois de que a UE lle comunicara ao goberno que o dito órgano ía desaparecer.
No debate dunha iniciativa parlamentaria para pedir unha entidade autonómica que aglutine os centros e liñas de investigación do sector pesqueiro, acusou ao PP de ser “nada de fiar”. Lembrou que previamente tiñan apoiado unha iniciativa socialista para defender a candidatura de Galicia “argumentando que estaban traballando conxuntamente co Ministerio”.
Sinalou que daquela lle recriminaran aos socialistas que “chegabamos tarde a algo xa posto en marcha polo goberno galego” e preguntou “como pode ser fiable un Grupo Parlamentario que di estar traballando cando quedou en evidencia que ninguén movera un papel”. Advertiu que “nos defendemos unha posición que cremos certa, non vamos defender unha mentira e inda por riba recriminarlle a ninguén”.
Torrado acusou ao goberno galego así de “ter perdido a oportunidade” de traer a Galicia o dito laboratorio, demostrando “unha ineptitude profunda dificilmente crible incluso procedendo do PP”. Acusou ao goberno galego de facer unha “xestión absolutamente ineficiente” e apuntou que “os socialistas non lle vamos rir nin aplaudir cando o Goberno de Galicia fai o ridículo, non vamos servir de muletilla”.
Mentira
Criticou a “mentira” do Goberno galego antes de recriminarlle ao PP que “teñan demostrado que non teñen intención algunha de retractarse, senón de continuar e botarlle a culpa mesmo a Almunia”. Ironizou suxerindo que “vaian atrás e falen de Largo Caballero ou da fundación do PSOE, ou incluso de algún Rei dos séculos XV ou XVI”.
Así o dixo no debate dunha proposta socialista para reclamarlle á Xunta que estudara a creación dunha entidade autonómica que aglutine os diferentes centros e liñas de investigación do sector pesqueiro seguindo o exemplo do País Vasco, que o PP anunciou que rexeitaría. Sinalou que o PP demostrou que, no relativo á investigación, “en ningún caso son confiables”.