A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, presentou unha serie de iniciativas parlamentarias nas que lle reclama á Xunta que poña en marcha un Plan urxente de rexeneración ambiental das zonas protexidas de Galicia afectadas polos incendios forestais.
Vilán presentou esta proposta logo dos tres incendios consecutivos que ten sufrido no que vai de verán o Parque Natural do Invernadeiro, en Ourense, e que calcinaron a lo menos 115 hectáreas. Advirte da urxencia de comezar coas labores de rexeneración ambiental “para impedir a desertización das zonas queimadas”.
Alerta das “previsibles escorrentías, graves procesos erosivos, desaparición dos solos por arrastres nas áreas de maior pendente e contaminación de acuíferos e, como resultado, un empobrecemento do chan”. Por iso reclama que o Plan de rexeneración contemple medidas de loita contra os procesos erosivos, incorpore memoria económica e prazo de execución e a restauración das dotacións de servizos básicos afectados.
Absoluta ignorancia
Patricia Vilán lamenta a “absoluta ignorancia” demostrada pola conselleira de Medio Rural sobre o parque do Invernadeiro ao restarlle importancia aos incendios mentres a titular de Medio Ambiente permanece “desaparecida en combate”.
A responsable socialista rexeita as declaracións da titular de Medio Rural, que dixo que “ningún dos incendios afectan a unha zona especialmente importante do parque natural, posto que se trata dunha zona de matogueira baixa”. Vilán lembra a gravidade dos danos ecolóxicos á fauna dun parque natural composto precisamente tamén por matogueira baixa, dado a altura á que se atopa.