O Grupo Socialista amosou o seu apoio ao Manifesto para a flexibilización da obriga de desembarque das capturas realizadas pola flota da UE, elaborado pola Fundación Rendemento Económico Mínimo Sostible e Social. Así o dixo Loli Toja no debate dunha proposición non de Lei neste sentido que foi presentada conxuntamente polos catro grupos parlamentarios e aprobada no Pleno de hoxe.
A portavoz de Pesca trasladou o apoio do Grupo Socialista a esta proposta e sinalou que “a eliminación dos descartes ten que ser progresiva para que poida ser un compromiso viable” e reivindicou unha actuación proactiva da Consellería do Mar para reverter esta situación diante da obriga de eliminar os descartes en xaneiro de 2019.
Respaldou a posición da Fremss a favor da conservación dos ecosistemas mariños pero buscando un equilibro coa actividade pesqueira, xa que tal e como está establecida a obriga de desembarque “pode poñer en perigo a sustentabilidade socioeconómica da estrutura pesqueira e o emprego do sector produtivo”.
Coa disposición da UE, todo o exceso de cota pesqueira é considerado como descarte, e hai que desembarcalo, obrigando a levalo a terra ocupando espazo nas embarcacións, implicando unha maior carga de traballo e menor rendibilidade da actividade pesqueira.
Apuntou que a UE “é incapaz de establecer un modelo de xestión que permita á flota española do Cantábrico, sobre todo á galega, capturar xarda con cota suficiente para non ter que descartala”.