A parlamentaria socialista Begoña Rodríguez Rumbo trasladou hoxe o apoio do Grupo Socialista ás medidas de apoio para as familias para o coidado de menores afectados por cancro ou outra enfermidade grave. Así o dixo logo dun encontro no Parlamento con representantes da Asociación Galega de Enfermidades Musculares –Asem-, ao que tamén asistiu o portavoz socialista, Gonzalo Caballero.
A responsable socialista anunciou iniciativas parlamentarias para reforzar as prestacións polo coidado de menores afectados por estas enfermidades e estender as axudas a estas familias máis alá do momento en que as persoas doentes alcancen a maioría de idade.
Lembrou que o propio Congreso vén de aprobar unha proposición non de Lei a iniciativa do Grupo socialista na que instaba ao Goberno a revisar a estratexia en enfermidades raras do Sistema Nacional de Saúde, por considerar “prioritario desenvolver as medidas necesarias para garantir a mellor atención sanitaria” a estas persoas. Solicitaba un “enfoque multidisciplinar que posibilite a volta á nova normalidade asistencial, dentro da situación de excepcionalidade actual”.
Rodríguez Rumbo engade que “consideramos necesario proceder a revisar as prestacións polo coidado de menores afectados por cancro ou outra enfermidade grave –Cume-, co obxecto de poder dar nunha solución razoable ás familias que vén extinguida a dita prestación cando a súa filla ou fillo a cargo cumpre os 18 anos”.