A deputada ourensá Noela Blanco presentou unha serie de iniciativas para esixirlle á Xunta que implante o servizo de Hemodinámica 24 horas no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense. Advertiu que o goberno galego incumpre o principio de equidade ao furtarlle o servizo a esta provincia.
A deputada socialista lembrou que ‘’Ourense lidera en Galicia a taxa de mortalidade por infarto de miocardio’’. Explica que o servizo de hemodinámica resulta “fundamental” para o tratamento destas doenzas, e lembra que os ourensáns sofren dunha taxa de mortalidade por infarto de miocardio dun 59,7 por mil, 27 puntos por riba da media estatal.
Lamenta que, a pesares destes datos, o servizo de Hemodinámica do CHUOU non está dispoñible as 24 horas do día, “o que provoca centos de traslados ao Complexo Hospitalario de Vigo’’, que é o centro de referencia cando o servizo non está activo. Explica a gravidade desta situación cando “nos infartos é fundamental unha atención inmediata e os traslados provocan o aumento de agarda e a redución das posibilidades de supervivencia’’.
Blanco apunta a situación de “marxinación” da provincia, a única de Galicia sen o servizo logo do recente anuncio de Hemodinámica 24H para Lugo, “o que incumpre os principios de equidade e seguridade dos usuarios’’. Explicou que en Ourense “de media tardan 1 hora máis na apertura da arteria causante do infarto que en Santiago’’, polo que insta á Xunta a que resolva con urxencia esta grave situación e implante o servizo para a provincia.