O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, criticou hoxe o descenso nas partidas do goberno galego destinadas á investigación sanitaria. No debate dunha pregunta oral na Comisión de Sanidade, sinalou que estas partidas baixaron en máis dun 5 por cento dende os 2,6 millóns de 2018 aos 2,4 previstos para 2019.
Sinalou a “lamentable coherencia” do PP, que reduce os orzamentos en Galicia para unhas partidas que no Estado, con Mariano Rajoy no Goberno deixara sen executar o 70 por cento, precisamente o día despois de que rexeitaran os Orzamentos Xerais que prevían un incremento de máis dun 5 por cento -357 millóns de euros adicionais- para este ano.
O responsable socialista criticou que para o PP “é máis importante facerlle caso a Vox que investigar contra o cancro”, e alertou fronte ao “odio que están destilando” e que pode “converter a España dos balcones na España dos Balcanes”. Lamentou o desinterese manifesto polo goberno galego para unhas partidas dirixidas a “traballar para que poidamos vencer ao cancro” e para implantar un novo modelo produtivo baseado na excelencia.
Advertiu que “impulsar a investigación sanitaria é mellorar en diagnose e tratamento tamén para enfermidades raras ou de orixe descoñecida, supón avanzar para axudar ás persoas que viven con dificultades por estar afectadas por enfermidades raras sobre as que se coñece pouco”.
Torrado lembrou a aprobación por unanimidade no Parlamento de Galicia da proposta socialista para pedirlle ao goberno de España que atendera á necesidade de nenos afectados por enfermidades raras, que foi rexeitada polo PP no Congreso. Tivo que ser o goberno de Pedro Sánchez, sinalou, o que aprobara o Decreto que habilite medidas de conciliación aos pais dunha nena galega afectada por unha destas enfermidades que non estaba incluída nestes supostos.