A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Noela Blanco, reclamoulle hoxe ao goberno galego que garanta que a Rede Galega de Atención Temperá sexa “pública, accesible e próxima”. Así o dixo no debate dunha moción, que foi rexeitada polo PP, na que os socialistas reclamaban chegar a final da Lexislatura aos 8 millóns de euros para mellorar unha prestación que o goberno galego ten convertido en “nefasta e alarmante”.
A responsable socialista sinalou á conmemoración, hoxe, do Día Internacional dos Dereitos do Neno, e lamentou que o compromiso do goberno galego se limite ao “postureo” da conselleira visitando Ourense para “Salvar ao Soldado Vázquez”. Reclamou “orzamento e xestión” para garantir unha atención acaída aos nenos e nenas con problemas de linguaxe, de conduta, afectivo – emocionais ou con retraso evolutivo “vivan onde vivan”.
Lembrou que Galicia é a segunda Comunidade Autónoma que menos inviste en Atención Temperá, só por detrás de Canarias, e a que o fai peor, con menos cobertura –apenas o 18 por cento- e das que peor paga o traballo profesional –menos de 20 euros por hora-. Ademais alertou do desequilibro territorial dos equipos, coincidindo comarcas nas que 3 profesionais atenden a 4 nenos –Antas de Ulla- e outras nas que o mesmo equipo de 3 persoas atende a 257 –Salnés-.
Esta é a consecuencia, dixo, da xestión do Goberno galego evitando escoitar aos profesionais, tomando decisións electoralistas, como a de crear unidades ao chou” sen estudar as necesidades de cada comarca, e destrúa outras debido á “inestabilidade das axudas aos concellos”, que se cobran meses despois de constituír os equipos.
Galicia tan só destinará 1,9 millóns de euros en 2019, o que supón 14 euros por neno ao ano, mentres Castela A Mancha, cunha poboación infantil semellante, inviste 5 veces máis -68 euros ao ano- e teñen 54 centros, o tripla dos 16 que ten Galicia. Ademais, o goberno galego entorpece deliberadamente cun “exceso de burocratización consecuencia dunha normativa de subvencións que establece condicións absurdas para o trámite e xustificación do trámite dos servizos.
Proposta
Os socialistas reclamaron así aumentar a prestación anual para a Rede Galega de Atención Temperá co obxectivo de acadar os 8 millóns de euros anuais ao final da Lexislatura, garantindo a cobertura do 5 por cento da poboación infantil en 2020 a través dun plan de consolidación e extensión do servizo.
Reivindicou tamén a redución da burocratización do servizo, incorporando un software actualizado e profesional de xestión “que nin sequera existe na actualidade”, así como a creación dun organismo administrativo específico centrado no desenvolvemento, xestión, coordinación e avaliación da Rede Galega de Atención Temperá.