O portavoz de Industria do Grupo Socialista, Abel Losada, reivindicou hoxe o traballo do goberno de Pedro Sánchez a favor de recuperar a política enerxética “logo de 7 anos de deserto” cos gobernos de Mariano Rajoy. Así o dixo no debate dunha proposición de Lei para implantar unha tarifa eléctrica galega, que os socialistas rexeitaron por canto “levaría á próxima Lexislatura” e impediría resolver problemas “a curto prazo”.
Losada sinalou o acordo asinado onte entre o Ministerio da Competencia Enerxética e as 3 grandes industrias enerxéticas do país para avanzar no acordo de peche das centrais nucleares. Sinalou que se trata da primeira xuntanza ao máximo nivel dende 2010, logo de oito anos de xuntanzas do PP “bis a bis coas empresas”, evitando así acordos globais.
O responsable socialista defendeu a “folla de ruta” do goberno central, que pasa por combater a pobreza enerxética, incrementar a protección ao consumidor, defender o autoconsumo, fomentar as renovables e implantar a sostibilidade como criterio fiscal. Lembrou o acordo orzamentario entre o goberno de Sánchez cos restantes grupos.
Este acordo xa recolle unha Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética, así como reformas estruturais para revisar o pago por capacidade produtiva e o estatuto das electrointensivas, así como unha estratexia nacional explícita contra a pobreza enerxética, que suporá 2,5 millóns de euros para Galicia nun apartado ao que a Xunta só destina 1,3 en total.
Fake news eléctricas
Contrastou esta estratexia co predominio das fake news da enerxía por parte do PP, que en plena crise económica optou por darlle o freo ás renovables e ás políticas de eficiencia enerxética, facendo que España perdera a posición predominante que acadara no sector. Daquela tampouco foron quen de desmantelar ás nucleares, deixaron o poder regulatorio en mans das empresas eléctricas e negar o problema coa produción de CO2.
A consecuencia foi que España ten que asumir os prezos máis elevados da enerxía no entorno comunitario, ten a maior dependencia de combustibles fósiles da UE, as renovables teñen que enfrontarse a unha grave inseguridade xurídica e hai 4,6 millóns de persoas en situación de pobreza enerxética mentres as grandes eléctricas contan cos maiores dividendos do sector.