O portavoz de Infraestruturas do Grupo Socialista, Raúl Fernández, acusou hoxe ao goberno galego de ter reducido de forma drástica o orzamento para seguridade viaria dende a chegada de Feijóo. Así o dixo na comparecencia da conselleira de Infraestruturas diante do Pleno do Parlamento para dar conta do Plan de Seguridade Viaria 2016-20.
O responsable socialista apuntou que dende 2008 ata 2018 o goberno galego reduciu a partida para construción e conservación de estradas de 500 a 300 millóns de euros. O investimento nas estradas autonómicas pasou de supor o 0,86 por cento do PIB hai dez anos ao 0,44 por cento hoxe, en torno á metade, a pesares dos anuncios do goberno galego de aumentar os investimentos.
Fernández sinalou que a de hoxe é a primeira comparecencia sobre seguridade viaria da actual conselleira de Infraestruturas, que someteu á Cámara a un “apagón informativo” durante catro anos, dous anos despois de ter aprobado no Consello o Plan que presentou hoxe. Lamentou que a última intervención do seu predecesor no cargo se remontara a febreiro de 2014.
Criticou que a conselleira renunciara a comparecer en 2016 polo aumento de 15 vítimas mortais con respecto a 2015, escollendo precisamente este momento porque en 2017 houbo 29 vítimas menos que no ano anterior.
O parlamentario socialista cuestionou o Plan de Seguridade do goberno galego, que considera “elaborado de parte, limitativo e individualista” co que demostraron que “renunciaron a un macroplan de país para reducilo a un microplan do Partido Popular”. Por iso foi elaborado “exclusivamente polo goberno do PP, excluíndo a participación dos grupos parlamentarios e da sociedade”.
Criticou que “preferiran individualizalo” para “manipular os tempos, as estatísticas e os datos en beneficio propio e non colectivo” chegando ao punto de presentar uns “datos retorcidos ata desfigurar a realidade”.
Os socialistas galegos reivindicaron un maior esforzo ademais na mellora do transporte público de viaxeiros por estrada como “posibilidade real de mellorar a seguridade viaria en función da ampliación de itinerarios, frecuencias, atractivo de horarios, intermodalidade e custes”. Ademais, reclamou unha posición reivindicativa da conselleira polos retrasos de Fomento no AVE a Galicia “para non ser acusada de cómplice”.
Finalmente, propuxo programas integrais para mellorar o comportamento de usuarios e usuarias das vías de tránsito, ampliando a actuación do goberno na educación e sensibilidade cidadá para “converter ás potenciais vítimas en activistas permanentes a prol da seguridade viaria”.