O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, anunciou hoxe unha proposición de Lei para reclamar a transferencia a Galicia da competencia de Tráfico, circulación e seguridade viaria. Así o confirmou hoxe logo do cambio de postura de Feijóo, que “pasou de ser pasivo” coa paralización das transferencias por parte de Rajoy a ser “reivindicativo” co novo goberno.
Chamou a aproveitar esta nova actitude da Xunta, que coincide cunha maior receptividade por parte do goberno presidido por Pedro Sánchez, como ten demostrado ao desbloquear o debate sobre a transferencia da AP-9, que Rajoy tiña bloqueado. Sinalou que a competencia de tráfico era unha antiga reclamación de Galicia, incluída nas 70 competencias previstas polo goberno de Touriño en 2005 e xa aprobada na Cámara autonómica de forma unánime.
Fernández Leiceaga advertiu que o autogoberno de Galicia “leva demasiados anos bloqueado” logo de que “Rajoy non quixera entrar a discutir novas transferencias e Feijóo adoptara unha actitude pasiva” neste sentido. Sen embargo, subliñou que esta Comunidade Autónoma arrastra un “déficit de competencias” que cumpre presentar utilizando como guía a “folla de ruta” aprobada polo goberno presidido polo socialista Pérez Touriño en 2005.
O responsable socialista deu a benvida á nova posición do goberno galego, “pasivo cando ten goberno amigo en Madrid e reivindicativo cando ten un goberno do signo contrario”, e reivindicou unha “ampla base de apoio político en Galicia” para que a reclamación poida ser finalmente aprobada.