O portavoz do Grupo Socialista na Comisión de Control á CRTVG, Luis Álvarez, criticou hoxe as modificacións na grella da Radio Galega anunciadas pola dirección do ente, que pasan por suprimir as desconexións locais de A Coruña, Vigo, Lugo e Ourense e de “fragmentar” o Diario Cultural en informacións breves ao longo do día.
O responsable socialista presentou unha pregunta oral en Comisión parlamentaria na que defendeu a “pluralidade” e “obxectividade” nos informativos do ente público lembrou a posición contraria á nova planificación dende concellos, deputacións, o Colexio de Xornalistas e organizacións culturais.
Reclamou que “deixen as cousas como están” mantendo os informativos locais e o Diario Cultural tal e como están actualmente. Adiantou que coa supresión das desconexións “teremos menos información e cobertura local e perdemos a referencia do que está a pasar no entorno máis próximo” xustamente un ano antes das eleccións locais.
O responsable socialista reclamoulle ao presidente do ente que clarifique “se van incrementar o persoal e se van reabrir as delegacións que pecharon no seu momento”, como foron as de Pontevedra, Ferrol e Burela en 2010. Advertiu ademais da situación complicada na que quedan os contratos de publicidade das ditas desconexións
Diario Cultural
Álvarez criticou ademais a decisión de disgregar o Diario Cultural, un “programa multipremiado que conta con 28 anos de historia” na grella da Radio Galega. Sinalou neste sentido que “a cultura non se fragmenta, non se xustifica de ningunha maneira” e advertiu que “din que a cultura vai estar máis presente por facela anacos e van acabar por facer anacos á cultura”.