Os socialistas consideran fundamental “deixar limpa a imaxe e exemplaridade” da institución do Valedor do Pobo
Santiago, 30 de xuño de 2018. Os socialistas galegos esixen a renuncia da Valedora do Pobo por “responsabilidade política”, á vista da sentencia do TSXG que constata “desvío de poder” e “arbitrariedade” no nomeamento da irmá do voceiro parlamentario do PPdeG, Pedro Puy.
Dado que o alto tribunal galego obriga a repetir a convocatoria alegando que hai “sobrados datos” de que a elección “non se guiou polos principios de igualdade, mérito e capacidade, senón polo desexo de adxudicala a unha das candidatas”, os socialistas galegos consideran que a actual valedora non debería continuar á fronte dun órgano encargado de “velar polos dereitos de todos e todas”.
O Valedor do Pobo debe estar rexido pola lei e garantir a igualdade de oportunidades de toda a cidadanía, polo que esta sentencia “de enorme gravidade” esixe unha reacción acorde que “deixe limpa a imaxe e a exemplaridade” da institución.