O secretario xeral dos socialistas galegos denuncia que o presidente “viñera a cortar a cinta” antes de que concluíran as obras só para que Audasa puidera subir as peaxes
Vigo, 15 de marzo de 2018. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, criticou este xoves que persista o peche de dous carrís na Ponte de Rande, o que ralentiza o tráfico de entrada a Vigo, despois da “inauguración fraudulenta” das obras de ampliación á que asistiu Mariano Rajoy.
Nese sentido, o líder dos socialistas galegos reprobou que o presidente “viñera a cortar a cinta” antes de que concluíran as obras, como proba o feito de que se pecharan ao tráfico dous carrís, só para que Audasa puidera subir as peaxes da AP-9.
En concreto, as peaxes subiron este ano un 1,91% debido ao IPC, un 1% para amortizar o custo das obras de ampliación de Rande e da circunvalación de Santiago, un 0,9% que compensa á concesionaria pola gratuidade na viaxe de volta entre Vigo e Pontevedra e haberá que engadir o relativo á comprometida supresión da peaxe entre Vigo e Redondela.
Así as cousas, o PSdeG apoia as concentracións que terán lugar no día de mañá para protestar ao Ministerio de Fomento polo “descontrol” na xestión dunhas obras que “están provocando un colapso” e “retencións quilométricas” nos concellos da bisbarra, especialmente en Moaña.
INICIATIVAS
Ademais, os socialistas levarán iniciativas tanto ao Parlamento de Galicia como ao Congreso dos Deputados para esixir explicacións ao respecto.
No caso das Cortes, o deputado pontevedrés Guillermo Meijón preguntará ao Goberno se “se forzou a inauguración das obras como estratexia” para que Audasa puidese materializar “a suba extraordinaria” das peaxes e que actuacións porá en marcha para “compensar aos usuarios” da autopista.
Do mesmo xeito, pedirá a opinión do Executivo sobre se ve “ético e lexítimo” que a concesionaria poida seguir cobrando a peaxe da Ponte de Rande á vista dos “atascos, incomodidades e retrasos” que está provocando ter aínda dous carrís pechados.
Mentres tanto, na Cámara galega, a parlamentaria pontevedresa María Pierres reclamará á Xunta que informe sobre as obras que se están levando a cabo e que estude o “posible incumprimento” do convenio que permitía a Audasa subir as peaxes o 1 de xaneiro en caso de que as obras rematasen antes da fin do ano anterior.
De verificarse esa suba “fraudulenta”, a socialista esixirá á Xunta que demande a Fomento a paralización do cobro das peaxes e a “compensación” aos usuarios da vía.