O secretario xeral dos socialistas galegos chama aos cargos e á militancia do partido a asistir ás concentracións de confluencia convocadas para este sábado ao mediodía en Galicia polos ataques do PP ao sistema de pensións
Santiago, 14 de marzo de 2018. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, chamou este mércores a continuar coas mobilizacións en defensa do sistema público de pensións e, nesa liña, apelou a todos os cargos e militantes do partido a secundaren as concentracións previstas para o próximo sábado por todo o territorio galego.
E é que, como advertiu o líder dos socialistas galegos, a dereita está “atacando” ao sistema público de pensións, pois rachou co Pacto de Toledo e négase a revalorizar as pensións nun momento en que as cifras macroeconómicas amosan tasas de crecemento positivas. Por iso o PSOE lle esixiu onte mesmo ao goberno da dereita a revalorización das pensións no Congreso, e contou cunha maioría parlamentaria que aprobou esta proposta fronte a un PP que “se esqueceu dos pensionistas”.
Ante a nova negativa de Rajoy a asumir este mandato, que tamén lle están facendo chegar milleiros de cidadáns nas rúas, Gonzalo Caballero animou a toda a sociedade galega a dicirlle “alto e claro” ao PP que “entenda cales son as prioridades do país”.
“Nunha Galicia con taxas de avellentamento comparativamente máis altas e con pensións máis baixas que no conxunto do Estado, a revalorización das pensións é prioritaria para as galegas e galegos”, subliñou o secretario xeral, quen instou a “que Feijóo abandone a Rajoy en materia de pensións e se poña do lado dos pensionistas galegos”.
Sobre todo, como dixo, porque este “ataque ao sistema de benestar” non pode quedar sen resposta, de xeito que a executiva do PSdeG estará presente nas distintas concentracións e manifestacións de confluencia convocadas para o día 17.
ALTERNATIVA DE FUTURO PARA AS PENSIÓNS
“Os socialistas defendemos un sistema público de pensións fronte a un PP que baleirou a hucha das pensións e promociona plans de pensións privados”, advertiu Gonzalo Caballero.
Os socialistas temos presentado medidas e propostas de futuro cara un novo modelo laboral que permita salarios e pensións dignas, e a incorporación dun imposto á banca e ás transaccións financeiras que permita contribuír ao financiamento das pensións.
”É necesario frear os plans da dereita”, concluíu o líder do PSdeG, antes de apelar á cidadanía para que acuda o sábado a esixir “unhas pensións dignas” en consonancia coa “recuperación económica que proclama Rajoy”.