O deputado Julio Torrado chama a “afrontar con seriedade” este asunto porque as denuncias por consumo e as intoxicacións etílicas están “no récord histórico negativo”
Santiago, 27 de marzo de 2018. O deputado socialista Julio Torrado advertiu este martes ao goberno galego de que “non pode abdicar” da súa “responsabilidade” no repunte que está rexistrando o consumo de alcohol entre os menores de idade.
E é que, como sinalou en comisión parlamentaria, as denuncias emitidas pola Policía Autonómica pasaron de menos de 200 en 2011 a superar as 400 en 2017, un ano no que tamén consolidaron “un récord histórico negativo” as atencións en urxencias de casos de intoxicación etílica: as 363 de 2013 convertéronse en máis de 450.
Coa constatación de que “existe un problema”, do que o PSdeG xa advertiu hai “catorce meses”, Julio Torrado lamentou que a Xunta non teña tomado medidas ao respecto.
É máis, subliñou que só se desenvolveron as medidas punitivas contidas na lei, e non as pedagóxicas, e “cun descargo de responsabilidade absoluto” cara os concellos, que non teñen os medios suficientes para facelo.
“Pecaron de orgullosos ao non aceptar as propostas dos socialistas por seren dos socialistas”, criticou o parlamentario do PSdeG, quen tamén denunciou a “soberbia” da Xunta ao esgrimir que xa estaba tomando medidas e a “vagancia” que demostra o feito de que “non se está avanzando realmente”.
“SERIEDADE”
Fronte a esta actitude, Torrado chamou a “afrontar con seriedade” o incremento do consumo de alcohol entre os menores de idade.
“Consúmese máis, consúmese antes e en situacións máis problemáticas”, detallou, consciente de que “é para estar preocupado” e de que a Xunta “ten responsabilidade” nelo.