O portavoz de Infraestruturas do Grupo Socialista, Luis Álvarez, vén de presentar unha batería de iniciativas parlamentarias para reivindicar a mellora da seguridade na estrada AC-552 no seu paso polo concello de A Laracha –A Coruña-. Os socialistas galegos presentan estas iniciativas na Cámara autonómica ao tempo que serán rexistradas no Concello pola portavoz socialista, Palomi Rodríguez.
O responsable socialista alerta do “risco certo” para os veciños e veciñas da localidade polo exceso de velocidade nalgúns tramos do termo municipal, sinaladamente no punto quilométrico 22-23 da dita estrada autonómica, entre A Telleira e Cancelo do Medio. Unha sinala ao final da Avenida de Finisterre indica o final do límite de 70 qm/h, a partir do cal os vehículos atópanse máis dun quilómetro de estrada densamente poboado pero sen ningún tipo de restrición.
Sinala que ata o Lar de Pacheco, e o cruce cunha urbanización residencial, non hai outra limitación máis que unha sinal de 70 qm/h “que a día de hoxe non é respectada por ninguén, e incluso se duplica a velocidade nas fins de semana”. Alerta de que os cruces de peóns pola estrada “é algo habitual e mesmo necesario para a veciñanza, incluídos aqueles con problemas de mobilidade”, que se enfrontan todos eles a un elevado risco.
Os socialistas reclámanlle á Xunta que reduza a velocidade no dito tramo para “garantir a seguridade dos peóns e instale “elementos que fagan necesaria a redución de velocidade no tramo entre A Telleira e o Cancelo do Medio conforme ás limitacións vixentes”.