A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, presentou hoxe unha proposición para modificar a Lei do Solo e afastar aos centros de tratamento e xestión de residuos, así como ás pirotecnias, a un mínimo de 2,5 quilómetros dos núcleos habitados e 1 quilómetros da vivenda illada máis próxima. A responsable socialista presentou esta proposta xunto coa concelleira de Urbanismo de Teo, Uxía Lemus, e o portavoz socialista no Concello de Santiago, Paco Reyes.
Vilán propuxo esta fórmula para poñer coto a casos como o da canteira de Casalonga, en Teo, onde foi parada in extremis o proxecto de Toysal para implantar unha planta de tratamento de residuos a escasos metros dunha zona residencial, ou o da canteira de Miramontes, en Grixoa –Santiago-. Esta última acumula mercurios, cianuro ou arsénico provocando graves problemas de cheiros e posible contaminación do chan.
A responsable socialista urxiu a “poñer fin a esta indefinición” da normativa, coa que o goberno galego permitiu en primeira instancia o proxecto de Casalonga a pesares de ser “pouco garantista” e presentar “obrigas de restauración medioambiental absolutamente ridículas”. A pesares disto, dixo, “á Consellería -de Medio Ambiente- coloulle”, e non foi ata que tivo un informe contrario do Concello que non puido ser freada.
O caso de Grixoa, explicou, suscitou a actuación do propio fiscal especial de Medio Ambiente, que abriu dilixencias por un posible delito medioambiental, mentres o goberno galego “mira para outro lado e tapa o nariz”. Son tan só dous casos, explicou, dun total bastante máis elevado, xa que a normativa afecta a todo o territorio autonómico, e citou un caso na Limia con tecnosolos acumulados ensoelo rústico, ou a situación da pirotécnica de Tui, tamén situada en solo rústico.
Urxiu a “rematar coa indefensión” dos veciños e veciñas e chaman á administración autonómica a “exercer as súas competencias”, e mirarán para o PP, que estará obrigado a posicionarse con relación a esta proposta socialista no Pleno do Parlamento. A iniciativa incorpora unha disposición para que en 2 anos a Xunta realice un “reseteado” de tódalas instalacións deste tipo que hai en Galicia e determinar as que cumpran cos requisitos para propoñer as medidas necesarias.
Teo e Santiago
A concelleira de Urbanismo de Teo, Uxía Lemus, urxiu a acadar unha resposta a nivel autonómico dun problema que supera con moito as competencias dun só concello. Explicou que, no caso da canteira de Casalonga, afecta sobre todo ao veciño concello de Ames e mesmo á Ría de Arousa, pola caída dos vertidos, e por moito que o proxecto teña sido paralizado, actualmente hai unha terceira iniciativa que pende “como unha espada de Damocles” sobre os veciños e veciñas.
O portavoz socialista no Concello de Santiago, Paco Reyes, criticou a falla de transparencia demostrada polo goberno galego no caso de Grixoa, un proxecto que segundo informa o propio goberno carece de informes de Sanidade sobre o impacto dun vertedoiro autorizado para conter substancias perigosas. Aquela planta, lembrou, obtivo autorización para gardar inertes en 2008, pero foi o goberno do PP quen autorizou a acumulación de químicos perigosos.