Patricia Vilán, deputada socialista, presentou unha batería de iniciativas parlamentarias para a mellora integral da sanidade, sinaladamente en pediatría, persoal e infraestruturas, na comarca de Condado-Paradanta. A responsable socialista alertou da precaria situación da sanidade nos centros de A Cañiza, Ponteareas, Arbo, Crecente, Mondariz, O Covelo, As Neves e Mondariz – Balneario.
A deputada socialista promove así “que se garanta a cobertura de substitucións dos profesionais de atención primaria para a comarca de Condado-Paradanta nos centros afectados, coa contratación extraordinaria dos profesionais en listas de substitución e dos recentes titulados MIR, para poder cubrir as necesidades demandadas polos profesionais dende os centros de saúde”.
Tamén reclamou “dotar á comarca dunha ambulancia hospitalizada e dunha ambulancia pola noite no Centro de Saúde de Ponteareas” e “reforzar o PAC de A Cañiza, que conta con tan só un médico”.
Por outra banda, propuxo “restaurar, antes de que remate o mes de abril, o servizo de Raios X do Centro de Saúde de A Cañiza, co fin de que os pacientes non se teñan que trasladar a Ponteareas ou a Vigo”, e dotar ó Centro de Saúde de Ponteareas dun técnico pola tarde para a utilización da máquina de Raios X.
“Situación insostible”
A parlamentaria socialista denunciou así mesmo que na comarca de Condado-Paradanta “a situación está a sobrepasar o aceptable”, e advirte que “a situación require resolver con toda a urxencia os problemas que sofre a comarca”.
Vilán explica que “a importante perda de capacidade asistencial que sofre a comarca froito da política de recortes, supón un problema aínda maior se temos en conta o envellecemento e dispersión da poboación na comarca”, provocando que “os profesionais do sistema sanitario teñan que redobrar esforzos”. Así é que “moitos médicos da quenda de mañá teñen que facer catro horas de tarde se algún médico desa quenda está de baixa”.
Reivindicou que “no Centro de Ponteareas a proporción é de 50 pacientes por cada médico”, mais “o caso do Centro de Ponteareas non é o único no que se dan problemas de persoal, xa que no Centro de Mondariz tan só dous pediatras deberían de atender a un total de 3.935 cativos, unha cantidade inasumible, polo que moitos van ser desviados a Vigo, a 35 quilómetros”.
A Cañiza, As Neves e Arbo
Outro dos centros afectados é o PAC de A Cañiza, que conta con tan só un médico. Con todo, a representante socialista espera “solucionar no curto prazo a grave situación”, para o que propón “que se garanta a capacidade asistencial nos centros afectados coa contratación extraordinaria dos profesionais a través dos recen titulados MIR”.
A representante socialista tamén explicou que “a problemática non se reduce á falta de persoal, na comarca existe un claro déficit de infraestruturas”, xa que “o centro de Saúde de As Neves conta con tan só un cuarto de baño para todo o persoal e todos os pacientes do centro”. Por outra banda, denuncia que “o Centro de Saúde de Ponteareas só ten unha ambulancia para as noites, e os Centros de A Cañiza e de Arbo tan só teñen unha cada un para as 24 horas do día”.
Por último, a socialista denuncia que “na comarca o servizo de Raios X podería resolver unha parte dos problemas médicos dos cidadáns, dando un servizo eficiente e de calidade tanto en atención primaria como no PAC” xa que na actualidade só o Centro de Ponteareas ten o servizo, e o ten “a tempo parcial, xa que só funciona unhas horas pola mañá, o que deriva en traslados de cidadáns da comarca ó Complexo Hospitalario Álvaro Cunqueiro, en Vigo”.