O responsable da Área Institucional do Grupo Socialista, Juan Díaz Villoslada, avogou hoxe pola profesionalización do sector das emerxencias de Galicia. Así o dixo logo dun encontro coa Asociación de Técnicos en Emerxencias e Protección Civil de Galicia –Atepciga-, que lle están a solicitar ao goberno galego que teña en conta a titulación do ciclo formativo de Emerxencias e Protección Civil, que vai pola terceira promoción.
O responsable socialista anunciou unha serie de iniciativas parlamentarias para preguntarlle ao goberno galego como ten previsto coordinar ás consellerías de Educación e Presidencia para poñer en valor unha titulación dun sector clave. Díaz Villoslada respaldou a valoración da formación en emerxencias e protección civil para “profesionalizar o sector e acadar unha maior calidade nos servizos de emerxencias”.
Explicou que actualmente estase a dar unha “boa oportunidade para ter en conta” a estes profesionais de cara ao novo marco de traballo establecido pola Xunta coa Fegamp e os Grupos de Emerxencias Supramunicipais, así como de cara á próxima campaña de prevención e defensa contra os incendios forestais.