A deputada socialista Concepción Burgo lamentou hoxe o veto do PP a unha proposta socialista para iniciar en seis meses a reparación do tramo da LU-710 entre Baralla e o enlace coa A-6 para equiparalo co resto da vía que xa ten sido arranxada. A parlamentaria luguesa acusou ao goberno galego de “non facer nada” dende o compromiso, en 2010, de construír un firme de 9 metros de ancho.
Burgo advertiu que dende aquela ate hoxe “a estrada segue igual, se cadra aínda con máis fochancas”, e lembrou o elevado tráfico que soporta unha estrada que “non permite manobrar a camións e autocares”, ademais de problemas de drenaxe que provocan placas de xeo e o deterioro acelerado do asfalto.
A responsable socialista rexeitou unha emenda presentada polo PP que, dixo, “carecía de toda garantía de que o goberno galego se tome en serio un arranxo tan necesario para deixar a vía nas condicións comprometidas”. Advertiu que coa proposta do PP “o que vai pasar é que lle botarán asfalto por enriba de dúas fochancas e o deixarán aí onde está”.