O PP rexeitou a proposición non de Lei presentada hoxe polo portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, José Antonio Quiroga, que instaba á Xunta a pedirlle ao goberno que suprima a fiscalidade nos cambios de titularidades das explotacións agrarias entre cónxuxes ou familiares sen beneficio.
“A dirección correcta ten que ser cara a quen traballa a terra e non cara aos grandes propietarios”, declarou Quiroga, que asegurou que estas transmisións de titularidade afectan a uns 1.100 explotacións en Galicia. O responsable socialista criticou unha xestión fiscal do PP “cun afán estritamente recadatorio”.
Quiroga reclamou hoxe que a Xunta se dirixa ao goberno central para solicitar que “a liquidación e o pago da cota tributaria correspondente co IRPF non inclúa os cambios de titularidade dos dereitos de pago único cando pertenzan a unha mesma explotación non exista beneficio ou ingreso derivado da operación”.
Explicou que “é moi común a cesión de dereitos entre cónxuxes casados en réxime de gananciais, nestes casos a pesar de que tanto a explotación como os dereitos de pago único teñen carácter de gananciais, resulta claro que continúan pertencendo á sociedade de gananciais a pesar do cambio de titularidade”.
Polo contrario, a Axencia Tributaria entende que existe transmisión e esixe o pago por unha ganancia patrimonial que nunca se produciu, xa que considera como ganancia a cesión de dereitos entre cónxuxes ou familiares, aplicando unha fiscalidade sobre un suposto beneficio que en realidade non existe por canto se trata “dunha remuda xeracional ou cambio de titularidade dentro da mesma explotación por xubilación”.
Quiroga reclamoulle ao goberno galego que “non cedan neste aspecto” para conseguir “abrandar uns argumentos aparentemente irredutibles da Axencia Tributaria” e “posicións estritamente estatísticas da Axencia Tributaria” que afectan a un “elemento fundamental para o entramado rural que vemos como decae e necesita desesperadamente de todo tipo de axuda do goberno galego”.
Saúdos, Comunicación PSdeG-PSOE