O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Luis Álvarez, lamentou o veto do PP a unha proposición non de Lei do Grupo Socialista para reclamarlle ao goberno galego un informe sobre o grao de cumprimento do I Plan de Actuacións para a Igualdade nos centros educativos de Galicia. Sinalou que “pódense facer actas, como non se van poder facer informes” en alusión á presunta falsificación das actas do máster de Cifuentes.
Sinalou que os indicadores para analizar os resultados deste Plan, logo do seu primeiro curso de aplicación, son “tan baratos e económicos que parece inverosímil que non se teñan utilizado, salvo que as conclusións sexan tan preocupantes que vexa necesario agochar os resultados”. Considera xusto e razoable e democraticamente saudable que coñezamos esta información”.
Álvarez sinalou que mesmo uns malos resultados “darían a pauta do que hai que corrixir” para aplicar esta iniciativa con éxito, e criticou que o PP estenda a súa “compracencia” a “tódolos ámbitos da vida pública, e a estenda a algo tan importante como o Plan de Igualdade” no ensino. “Que tristeza de Estado”, dixo, “cando pode máis unha pomada que un título falso”, de novo en alusión á dimisión da presidenta da Comunidade de Madrid.
Explicou que o plan, que deberá ser desenvolto durante catro cursos escolares, dispón dun total de 27 medidas “facilmente cuantificables” polo goberno, que son “bos indicadores para saber se o plan funciona ou non, e dos que o Executivo debería poder dar boa resposta”.
Sen embargo, lamentou, son incapaces de dar conta mesmo da resposta que está recibindo a iniciativa nos centros, presentando o número deles, así como de alumnos que participan destas medidas a día de hoxe.
O Plan, lembrou, está orientado a inverter a tendencia de aumento das condutas discriminatorias e dos estereotipos sexistas entre o alumnado dos centros educativos, a través de catro principios, que son a transversalidade, a sociedade igualitaria, o obxectivo “violencia 0 nas aulas e na sociedade” e a inclusión e integración da diversidade, establecendo seis eixos.