A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Concepción Burgo, amosou hoxe a súa sorpresa diante da negativa do PP a unha proposta para pedirlle á Xunta que inicie de forma inmediata os trámites necesarios para recuperar os dous pilóns medievais que os Franco sustraeron de San Xián de Moraime, en Muxía, nos anos 60.
A responsable socialista lembrou que o goberno galego é “o maior responsable da preservación e seguridade do patrimonio artístico de Galicia”, e recomendoulles que “se a Igrexa non quere iniciar o procedemento, é o goberno quen debe tomar a iniciativa na Comisión Mixta Xunta – Igrexa e convencelos”.
Apuntou que o goberno galego “non pode poñerse á marxe” xa que, explicou, “non é un problema dunha propiedade privada, senón que se trata da defensa do interese xeral, da recuperación dun patrimonio de tódolos habitantes de Muxía e Moraime e por extensión de tódolos galegos e galegas que queremos defender o noso patrimonio cultural”.
Concepción Burgo instou a fixar “unha estratexia para que a familia Franco non poida seguir á marxe da Lei” despois de décadas de apropiarse de cantos bens culturais chamaban a atención da esposa do ditador.
Lembrou que en 1960 foi Carmen Polo quen visitou a Igrexa, comunicou a súa intención de levar as pezas –datadas no século XII- ao Pazo de Meirás, para que ao día seguinte un camión procedera ao traslado. Daquela, e a pesares da oposición do Arcebispo de Santiago, a Igrexa decidiu non reclamar as pías dada a identidade da persoa, nunha decisión que “podía ser entendida nos anos 60, pero non pode ser entendida en 2018.