Julio Torrado denunciou que máis de un ano despois a Consellería non recibe ao alcalde de Cuntis
O portavoz de sanidade socialista, Julio Torrado, lamentou o veto do PP a unha proposta socialista en Comisión para que a Xunta garanta o servizo sanitario de maneira permanente no Concello de Cuntis e non deixar, así, sen atención primaria á poboación.
Julio Torrado reclamou “que a Xunta leve a cabo as substitucións necesarias, as cales xa coñece porque son estruturais, para poder garantir o servizo en todo momento”. Dixo que “non se substitúen as vacacións nin as baixas e hai veces en que tan só hai un facultativo. Isto leva, cada vez, a un peor servizo”.
O deputado demandou que “a consellería reciba aos alcaldes dos concellos afectados, os cales levan máis dun ano esperando”. E citou casos coma os do propio Cuntis, Vilagarcía, Lalín, Caldas de Reis, A Illa, Ponteareas ou Cangas, “os cales, non están gobernados por gobernos municipais populares”.
Julio Torrado acusou de “sectarismo” ao goberno, xa que “trata de maneira distinta aos concellos nos que goberna e aos que non. O cal repercute na poboación, que non pode ver cubertas as súas necesidades sanitarias básicas”.
Por outra banda, fixo alusión ós datos do CIS en relación ó barómetro de Sanidade. Aludiu a que “en Galicia somos a terceira peor sanidade de España de maneira destacada, a valoración da poboación é inferior á media e, por primeira vez, as listas de espera da atención primaria teñen dous días de espera”.
Julio Torrado cualificou de “argumentos falaces” os do goberno popular. Dixo que “a resposta da Consellería é que sempre hai un centro cerca, dito argumento permitiría pechar case todos os centros e ademais, que haxa un cerca non garante que teña servizos para todos”.
Por elo, “o grupo socialista pide que se sexa realista cos datos, se resolvan os problemas de mantemento, se reciba aos alcaldes e, por suposto, se substitúan esas baixas que privan á poboación da atención sanitaria”.