A deputada socialista Patricia Vilán criticou hoxe o veto do PP a unha proposición non de Lei do Grupo Socialista para garantir unhas “condicións mínimas de traballo” para a plantilla e “ofrecerlles dignidade” aos máis de 100 maiores que sobreviven en condicións “decimonónicas” na Residencia de Maiores de Campolongo, logo de visitar o centro o pasado 17 de abril.
No transcurso do debate na Comisión de Sanidade do Parlamento, a responsable socialista deu conta das difíciles condicións nas que viven estas persoas en pleno centro de Pontevedra, que padecen “a cara máis dura das restricións orzamentarias e do abandono do goberno galego”. Criticou que os “supostos compromisos” do goberno galego “nunca vaian acompañados de orzamento nin de accións concretas”.
Vilán reclamoulle hoxe ao goberno galego a que, nun prazo de 3 meses, comunique a valoración real do grao de dependencia dos usuarios e presente un plan de reparacións integral.
Reclama ademais un plan de reparacións do centro nun prazo de 3 meses, para restaurar a “grave situación deste centro” con medidas básicas como a creación dunha enfermaría, o replantexamento do servizo de ascensores ou a colocación de tomas de aspiración de osíxeno nas habitacións de persoas asistidas.
Tamén solicitou a adaptación integral da planta cuarta para asistidos, a modificación e mellora en cociña e lavandería, a modificación dos usos do montacargas, a creación de comedores e salas de estar en tódalas plantas e modificar o acceso á cafetería.
Ademais, reivindicou a creación de 2 DUES, 1 posto en Cociña, 5 auxiliares de enfermaría e 1 praza de psicólogo a xornada completa. Finalmente, reclamou o incremento das xornadas do médico e da fisioterapeuta, de maneira que poidan estar os 5 días da semana a xornada completa e a media xornada nas fins de semana.